Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello de Nigrán agasalla ás aulas de infantil dos colexios co libro evolutivo ‘Dedas’

O conto ilustrado para crianzas de 1 a 6 anos nace da man das veciñas de Nigrán Soledad García, Laine Villero e Natalia Guisande

O Concello de Nigrán agasallará a todas as aulas de infantil dos diferentes centros educativos do municipio co libro evolutivo ‘Dedas’ e, adicionalmente, ofrecerá a posibilidade de que as autoras realicen un contacontos especial no propio colexio.

Onte foron entregados seis na Galiña Azul e nos vindeiros días se achegarán aos demais centros para que formen parte da súa biblioteca escolar.

“Consideramos que resulta moi interesante para traballar na clase porque atende especialmente á diversidade e, paralelamente, é un xeito do Concello de apoiar iniciativas educativas e culturais que nacen da fusión artística de tres veciñas de Nigrán”, destaca o alcalde, Juan González.

‘Dedas’ forma parte de Solaina, alianza entre as veciñas de Nigrán Soledad García, a súa escritora; Laine Villero, a ilustradora; e Natalia Guisande, a deseñadora gráfica. A súa particularidade reside en que en cada unha das súas 64 páxinas hai poesía dirixida a crianzas de 1 a 6 anos, polo que xoga moito coas repeticións e a musicalidade para outorgarlle un fin didáctico. Os pequenos aprenderán a contar os días da semana, os meses do ano… todo nunha liña de xogo cunha sorpresa final.