O Concello de Nigrán iniciou a semana pasada co alumnado do CEIP Carlos Casares (Vilariño) a plantación de especies autóctonas no coñecido como ‘Monte de Santa Cruz’, unha área forestal municipal que está a ser rexenerada para o goce da veciñanza. En total, trátase de 8.000 m2 situados ao carón do coñecido como Monté Eiró ou Das Agullas (Parada), nunha zona boscosa, composta nun 95 % por pino do país, que ata o ano pasado non estaba nin delimitado.
Nesta fase, 16 alumnos de 6º de Primaria do CEIP Carlos Casares guiados pola Brigada Forestal Municipal, plantaron en preto de 800 metros cadrados de acceso ao parque 5 acivros e 24 carballos doados pola Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño. Ao rematar o traballo, a arqueóloga da cooperativa Árbore Helena Taboada amosoulles o petroglifo do monte eiró que actualmente están a sinalizar e recuperar para o Concello.
“Queremos poñer este lugar en valor como un atractivo natural máis de Nigrán porque ademais, polas súas caracerísticas, permitirá gañar un gran miradoiro cara a costa”, indica o alcalde, Juan González, quen acudíu a esta xornada.

Segundo recolle o proxecto da enxeñeira forestal municipal, a Brigada Forestal Municipal realizou “clareos”, é dicir, eliminou todos os piñeiros de menos de 7 cm de altura e na zona de entrada abordada onte só se deixaron especies autóctonas sen nada de piñeiros. Na zona de miradoiro natural eliminaranse os piñeiros que impiden as vistas cara a fronte marítima e no seu lugar plantaranse especies autóctonas adaptadas a ese tipo de terreo, como poden ser os madroños.
“Queremos que sea unha zona máis de desfrute da veciñanza, agora é prácticamente inaccesible ao non ter ningún tipo de mantemento, pero pronto será un novo pulmón verde para Nigrán como xa é Monteferro ou os Montes de Camos e Chandebrito”. Neste sentido, o monte de Santa Cruz conta cunha gran pendente con vistas naturais cara a costa de Nigrán e Baiona en moitos puntos.