Sábado, 18 Xaneiro de 2025

O CB Nigrán volve cargado de ilusión aos adestramentos

Toda a actividade deportiva realizarase cumprindo as medidas recollidas no protocolo anti-Covid elaborado polo Club para tal fin, cumprindo as indicacións da Xunta

O CB Nigrán comeza con moitas ganas unha nova tempada despois de ter que interrupir a anterior no pasado mes de marzo e faio cumprindo con todas as medidas hixiénico-sanitarias antiCovid plasmadas nun documento que levan xa semanas elaborando. Este protocolo, que cumpre as indicacións dadas pola Xunta, recolle tanto aspectos xerais de volta á actividade como as medidas concretas de actuación para o desenvolvemento dos diferentes adestramentos (grupos reducidos, máscaras, distancia de seguridade, desinfección de material, xeles na recepción e despedida dos nenos e nenas, adestramentos sen contacto físico etc).

O Club tivo que realizar un investimento extra para facerse con todo o material ANTI COVID e poder cumprir así con todas as medidas hixiénico sanitarias, tanto nos que se refire a adestradores e xogadores como ao material e as instalacións deportivas utilizadas.

A Directiva do club traballa xa desde esta semana na tramitación das máis de 120 fichas federativas xa confirmadas para esta nova tempada e que se distribúen a través das diferentes categorías, que abarcan desde a categoría baby ata a senior, conformando un total de 10 equipos.

Esta tempada contará tamén con novos adestradores e adestradoras cos que xa se están realizando reunións de traballo coordinados por Nuria Gómez, Directora Deportiva do club, para planificar os diferentes adestramentos de acordo ás novas circunstancias que obrigan a modificar parte da metodoloxía de traballo.

Estes adestramentos comezarán de forma graduada. Os primeiros en iniciar a actividade serán a categorías infantil, cadete, junior e senior, que comezarán a segunda semana de setembro e unha semana despois farao todo o minibasket, unha vez que se iniciou o curso escolar co fin de facelo de forma coordinada cos centros educativos. Desde o club recalcan a importancia de ter paciencia na adaptación a este novo escenario e de ser conscientes desta nova realidade, pero tamén cren que hai que achegar en positivo, podendo realizar a actividade deportiva coa maior normalidade.

Desde a Entidade Deportiva senten con moita forza para iso, apoiados polas familias, que están a demostrar e transmitindo as ganas de que os seus fillos e fillas volvan pisar a cancha, compartindo pista coas súas compañeiros e gozando, tanto a nivel deportivo, como a nivel emocional, un aspecto fundamental para estas idades de formación, e que non debemos esquecer despois do confinamento ao que se viron obrigados. Volver compartir pista, poder convivir, charlar, interaccionar , competir buscando o afán de superación, esforzarse para mellorar cada día individual e colectivamente, son aspectos fundamentais que van axudar moito aos nenos e nenas a superar os momento complicados que, en maior ou menor medida, tiveron que vivir.