Sábado, 3 Maio de 2025

O CB Nigrán estrea equipacións de cara á nova tempada

O CB Nigrán comeza a súa oitava tempada desde que iniciase unha nova etapa no 2014 e faio estreando os seus novos equipamentos que presentan un deseño máis actualizado

Estes novos equipamentos manteñen as cores vermello e negro identificativos do Club, en cuxas camisetas aparecen sublimados os logos do Concello de Nigrán e Deputación e no pantalón a imaxe de Bani, mascota do CB Nigrán.

Para esta nova tempada, o club conta con equipos nas Categorias Baby, Benxamín, Alevín, Infantil, Cadete, Junior e Sénior. Por primeira vez, o club contará con 3 equipos na categoría cadete, un feminino e dous masculinos, dos cales un será de primeiro ano e outro de segundo.

Todos estes equipos comezarán os seus adestramentos de forma progresiva a partir desta semana, alternando adestramentos de preparación fisica na praia e outros en pista.

Con respecto aos adestradores, desde o Club queren dar continuidade ao traballo que vén realizando e onde os técnicos son unha peza crave. É por iso que se mantén o 100% do persoal da tempada pasada, valorando así o bo traballo formativo e competitivo levado a cabo.

Desde o club consideran importante formar adestradores, para iso seguirase traballando con xogadores do club, dándolles a opción de colaborar como adestradores axudantes e supervisando o seu traballo diario.

A directiva do club traballa xa desde esta semana na tramitación das máis de 120 fichas federativas para esta tempada e que veñen atesourar o bo labor realizado no CB Nigrán
O Club volve ademais a xestionar as escolas de iniciación de baloncesto nos centros educativos da localidade tras o parón forzado a tempada anterior pola pandemia.

Preséntase así unha tempada con novos obxectivos e moi ilusionante.