Mércores, 7 Maio de 2025

O camiño do Carreiro de Patos xa conta cunha rede de saneamento total

O Concello de Nigrán ven de dotar de saneamento o camiño do Carreiro, en Patos, ao carón da Praia de Abra, tal e como tiñan demandado os veciños. O Concello investíu nestes traballos adxudicados a ‘COVSA’ un total de 61.427 € a cargo do Plan Concello 2020 que inclúen a renovación por completo do pavimento, que xa se atopaba en moi mal estado e sen segregación do sentido da circulación. En concreto, instalaronse 224 metros de colectores con dous tramos separados por un sistema de impulsión mediante electrobomba sumerxible (por iso tamén foi preciso dotalo de conexión de baixa tensión) co fin de elevar a cota e que sexa posible o tránsito por gravidade. O firme será reposto con asfalto previo fresado de toda a superficie.

“Dará servizo a todas as vivendas desta rúa que ata agora se servían de fosas sépticas individuais, cos conseguintes riscos medioambientais que iso supón, máxime estando ao carón do mar”, explica o alcalde, Juan González, quen reafirma o obxectivo do goberno local de completar o saneamento en todos os barrios.

Os veciños deberán acudir á oficina de Aqualia na Avda.Val Miñor, 2 (de luns a venres, de 09:00 a 13:00 horas) para solicitar a conexión ao mesmo.