Domingo, 4 Maio de 2025

O alcalde de Nigrán solicita á Xunta a gratuidade da autoestrada do Val Miñor

O alcalde de Nigrán, Juan González, e a deputada nacional e portavoz de Transformación Digital do Congreso, Ángeles Marra, mantiveron un encontro para informar de primeira man das diferentes axudas económicas que aprobará o goberno central en beneficio dos concellos. Estas forman parte do ‘Plan de recuperación, transformación y resiliencia’ con reformas e investimentos por importe de 70.000 millones de euros (2.700 para a provincia de Pontevedra) que o Goberno prevé executar entre 2021 e 2023.

Ao respecto, o alcalde de Nigrán, trasladou os seus parabéns ao goberno do Estado por ter rebaixado os peaxes da AP-9 ao tempo que solicitou á Xunta dar algún paso a prol da gratuidade da AG-57, autoestrada do Val Miñor e de competencia autonómica. “O goberno de España ven de aprobar unha rebaixa histórica na AP-9 que inclúe a gratuidade no tramo Vigo-Redondela, mentras que a Xunta mantén os peaxes na autoestrada do Val Miñor”, reprochan o alcalde e a portavoz de Transformación Digital do Parlamento de España. Esta cuestión foi incluso aprobada en diferentes plenos coa unanimidade da corporación e trasladada á Xunta oficialmente reiteradas ocasións. “O goberno cumpriu no prazo anunciado a súa promesa de rebaixar as peaxes e na Xunta se desentenden por completo nas vías que son da súa competencia”, subliña Marra. Así, esta autoestrada do Val Miñor, da que o Grupo Itinere ten a concesión ata o ano 2045, ten un custo de 1’15 € no traxecto Baiona-Nigrán, 0’80 € Vincios- A Ramallosa ou 0’35 € Nigrán-A Ramallosa. O goberno de Nigrán, co apoio do goberno do Estado, retoma agora esta vella reivindicación tras esta nova na AP-9.

“A Xunta non considera esta cuestión para o Val Miñor, é un agravio comparativo”, sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que o feito de que tódolos tramos da AG-57 teñan un custe impide que esta funcione como a verdadeira circunvalación que precisa o Val Miñor. “A realidade é que sendo de pago non resulta un vial alternativo nin nos momentos de máxima afluencia na comarca”, resume.

O goberno de Nigrán recorda que as circunvalacións das grandes áreas de Galicia son gratis, máxime cando unen cunha gran cidade. “A supresión é algo moi necesario para o día a día dos veciños do Val Miñor, pero é que ademais, no caso de Nigrán, resta competitividade ao Parque Empresarial Porto do Molle e fai que o tráfico de mercadorías discorra habitualmente por estradas convencionais, coa perda de fluidez viaria e merma de seguridade que conleva”, sinala González, quen engade que é a autoestrada que, de xeito máis rápido e directo, conecta o Val Miñor con servizos básicos como o Hospital Álvaro Cunqueiro, a Universidade de Vigo, o Aeroporto de Peinador ou o Parque Tecnolóxico de Valadares. “Ir ao hospital ou á Universidade non pode significar para os nosos veciños un plus de desembolso con respecto a outras áreas, son todos servizos básicos aos que se chega en escasos minutos a través da AG-57”.

En definitiva, a gratuidade da AG-57 permitiría que se empregase como verdadeira circunvalación beneficiando a toda a veciñanza da comarca, desconxestionaría o tráfico gañando ao tempo en seguridade e contribuiría á competitividade empresarial de toda a área.

“Compre recoñecer o traballo dos alcaldes porque os concellos están asumindo incluso competencias impropias sen que desde a Xunta se lles aporte ningún recurso económico”, incide Marra, quen pon como exemplo “os traballos de desinfección nos centros escolares”, cuestión que non corresponde aos municipios pero que están realizando con cargo ao seu orzamento.