O alcalde de Nigrán, Juan González, mantivo un encontro esta mañá en Chandebrito co presidente da Comunidade de Montes, Víctor Vidal, coincidindo co terceiro aniversario dos incendios na parroquia. Nesta edición, ante as circunstancias sanitarias, o Concello non organizará ningún acto oficial, tal e como si se viu facendo nos dous anos anteriores.
“Desde o Concello de Nigrán trasladamos o noso agradecemento e apoio absoluto ás comunidades de montes de Camos e Chandebrito, que sufriron o peor dos incendios e superon recuperarse con iniciativas de concienciación, reforestación, deseucaliptización… “, destacou González.
Na reunión, ambos refrendaron a súa aposta por continuar colaborando na reforestación do monte e na promoción das dúas parroquias como un dos destinos naturais con máis atractivos da comarca. Así, o rexedor reiterou o seu compromiso por crear o primeiro parque forestal do Val Miñor na zona dos Matos-Ríos Camos (proxecto entre o Concello e ambas comunidades e que suma 42 hectáreas). “Levamos máis dun ano agardando pola autorización da Axencia Galega de Insfraestructuras, temos os demais informes e só nos falta ese para iniciar os traballos, pedimos á Xunta a máxima celeridade porque o prazo razoable de agardar xa pasou”, indica o alcalde, quen incide tamén no seu compromiso de irmandarse con Castanheira de Pera, municipio portugués onde faleceron en xuño de 2017 un total de 47 persoas calcinadas nos seus vehículos mentras trataban de fuxir pola estrada N236 que comunica con Figueiró dos Vinhos (o ano pasado unha delegación desta localidade acudíu aos actos do segundo aniversario). “A crise do Covid-19 impedíu oficializar o irmandamento este verán, tal e como tiñamos previsto”, indicou.

As parroquias de Chandebrito e Camos viviron o 15 de outubro un dos momentos máis tráxicos da súa historia ao sufrir uns gravísimos incendios que supuxeron a vida de dúas mulleres nunha evacuación fallida, Angelina Otero e Maximina Iglesias, e máis de 600 hectáreas arrasadas. “As vida humanas son irreparables, esa dor e ese recordo sempre estarán aí, pero temos esperanza e ilusión polo futuro do monte e pola nova mentalidade ecoloxista xerada a raíz deste lume”, considera González, alcalde de Nigrán. En Chandebrito só sobrevivíu ao lume do 15 de octubre 2 hectáreas do total de 232 que existen de monte comunal, mentras que en na parroquia veciña de Camos sobreviviron 20 ha dun total de 370 hectáreas comunais.