Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán somete a información pública o Plan Especial de Portocelo para adaptar o edificio da Comunidade de Montes de Monteferro

O plan contempla a demolición da planta alta, rebaixando a súa altura á metade, e unha reordenación da parcela. O obxectivo é integralo na paisaxe cumplindo a legalidade vixente e darlle un uso socio-recreativo

O Concello de Nigrán exporá ao público desde hoxe e por un periodo de dous meses o ‘Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións de Portocelo’ para a formulación de alegacións. O proxecto elaborado pola Comunidade de Montes de Monteferro e aprobado o 9 de novembro polo goberno local permitirá a reforma do inacabado edificio desta entidade para integralo na paisaxe e adaptado á legalidade, dando marcha atrás a un dos maiores expoñentes do ‘feísmo’ no municipio. Así, suporá, entre outras cousas, rebaixar a súa altura á metade para deixalo nunha soa pranta ou recuperar a rasante orixinal da parcela, integrando toda a propiedade na paisaxe (suma 5.761 metros cadrados). Os pasos a seguir para este fin son similares aos de un Plan Xeral de Ordenación Urbanística, sendo necesaria unha aprobación provisional e definitiva (sempre contando cos informes favorables da Xunta).

“A recuperación e posta en valor medioambiental e urbanística de Monteferro pasa inevitablemente por convertir o histórico edificio da comunidad de Montes nun lugar acorde coa súa contorna, lonxe do feísmo actual que representa, mantendo  ao mesmo tempo o seu necesario uso de centro  centro social, veciñal e medioambiental ao servicio da veciñanza. Desde o Concello celebramos que a comunidade de Montes decidira dar este paso e aí estaremos ao seu carón porque cremos que significa unha oportunidade para por en valor Monteferro”, sinala o alcalde ao respecto.

O edificio obtivo licencia de construción en 1988 con arranxo ás normas subsidiarias vixentes naquel momento, sen embargo, o proxecto orixinal desviouse substancialmente entrando en conflicto coa legalidade e quedando finalmente inconcluso. O proxecto actual, elaborado polo arquitecto Federico Suárez, integra o edificio na paisaxe rebaixando a súa altura a 5 metros e unha soa planta ou devolvendo a rasante da parcela ao seu estado orixina. No terreo crearanse zonas axardinadas na parte central e matogueiras na frontal (sempre empregando especies autóctonas) e haberá espazo de acceso rodado e aparcamento (16 prazas máis 2 adaptadas). As características tipolóxicas e construtivas, cores e acabados será acordes coa paisaxe rural e as construcións da contorna para garantir o mínimo impacto visual e a mínima alternación do relevo natural do terreo.

Finalmente, o novo edificio terá un uso socio-recreativo ao servizo da veciñanza, tendo como obxectivo primordial fomentar o asociacionismo forestal, creando ademais un punto de información e difusión sobre a península de Monteferro (interese arqueolóxico, etnográfico, paisaxístico, medioambiental, etc.).

“É unha oportunidade non só para corrixir despropósitos urbanísticos propios doutras épocas, se non para dotar a Monteferro dun espazo público-comunitario onde por en valor un dos lugares con maiores atractivos do municipio pola súa riqueza natural, paisaxística e etnográfica”, destaca González.