Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán retoma este curso o programa de terapia canina

O Concello de Nigrán volve a ofrecer este curso o seu programa de terapia canina no Centro de Educación Especial Juan María (Parada). As sesións comezaron xa a inicios de semana e contaron coa visita do alcalde, Juan González, para ver de preto esta metodoloxía con beneficios científicos contrastados. Deste xeito, o alumnado e usuarios do Centro de Día e Ocupacional continuará recibindo esta terapia que estrearon no 2021 coa empresa especializada Yaracan tras autofinanciarse primeiramente coa venda de almanaques solidarios e despois a través do Concello.

Ao igual que no curso pasado, as persoas inscritas no Centro Juan María participan no programa complementario de educación asistida un día á semana en horario lectivo e en sesións individuais ou en aula atendendo ás necesidades concretas de apoio educativo. A terapia desenvolverase con tres cans (2 golden retriever e un cavalier) e os seus respectivos técnicos especialistas.

“Non dubidanos en continuar con este programa porque somos coñecedores de primeira man dos beneficios que aporta, así que o achegamos como parte da nosa política de ‘Un Nigrán para todos’, estamos encantados de sumar”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.

Desde a propia empresa especialista e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual. O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do CEE Juan María.