O Concello de Nigrán retoma a actividade nas obras adxudicadas despois de dúas semanas de interrupción por mor do estado de alarma decretado co Covid-19. Así, hoxe finalizaron as obras de pavimentación e humanización na rúa Rúa Vista ao Mar (Lourido) adxudicadas a empresa NAROM S.L por un importe de 42.896,61 € e cunha partida provinte dos proxectos incluídos polo goberno de Nigrán no Plan Concellos 2019.
A restauración, que estaban practicamente rematada, foi suspendida durante este periodo de parada dos traballos esenciais por mor do Covid-19. Previamente, o Concello remodelara a rotonda de acceso ao barrio da Area na PO-325.
“Os traballos quedaron totalmente suspendidos nas pasadas dúas semanas e agora se retoman coa máxima prudencia, tendo en conta todas as medidas de seguridade e atendendo sempre ás recomendacións que se fagan desde o goberno”, indica o alcalde, Juan González

As obras en Vista ao Mar consistiron na demolición e levantado das lousas e aglomerado asfáltico existente; reposición do firme mediante unha capa de MBC de 10 cm.; apertura de caixeo para executar o novo adoquinado na contorna da zona verde e pavimentación mediante adoquíns de pedra.
“Soluciona un problema de seguridade viaria e accesibilidade nun tramo moi frecuentado no barrio da Area (San Pedro da Ramallosa) xa que en este espazo concéntrase un importante número de establecementos hostaleiros e é un dos accesos principais ao areal de Lourido-Praia América. Era unha obra necesaria e moi demandada”, incide o alcalde, Juan González.

Praza da Carrasca
Paralelamente, o Concello retomará este luns 20 de abril as obras de acondicionamento e humanización da Praza da Carrasca (Parada), adxudicadas á empresa AUDECA e que tamén se viron suspendidas durante as pasadas semanas e que se demorarán dúas semanas máis.