Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán reprograma o ‘Solpor’ no miradoiro de Monteferro para o luns 16 e martes 17 de agosto coa novidade de ‘Blue Monk’

Esta quinta edición tivo que aprazarse xa dúas veces por mor da choiva, estando prevista agora para o luns e martes próximos cun aforo limitado a 500 persoas con inscrición previa a través da web www.nigran.es

O Concello de Nigrán reprograma finalmente o seu festival Solpor Monteferro para o vindeiro luns e martes (16 e 17 de agosto) con inscrición previa obrigatoria a través do formulario da web www.nigran.es e limitado igualmente a 500 persoas por xornada (as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, abríndose as solcitudes ás 9:00 horas deste mércores 11).

O evento, que tivo que ser adiado xa dúas veces este verán debido á choiva, contará no primeiro día finalmente coa presenza de Blue Monk (como novidade en lugar de ISIUS debido á incompatibilidade nos cambios de datas) e Eladio y LSQ e, no segundo, con Roma, Tinta e Bafana Bafana, tal e como inicialmente se anunciara.

As xornadas arrancarán ás 19:00 co obxectivo de, precisamente, dar conta do solpor no mellor escenario do mundo, o miradoiro de Monteferro. O festival conta un ano máis coa colaboración altruista da Comunidade de Montes de Monteferro e co apoio económico da Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos.

“Tras unha edición no 2020 en Gaifar por cuestións de normativa sanitaria, agora regresamos ao lugar orixinal e do que estamos tan orgullosos. Agardamos que no 2022 a normalidade sexa completa e, con elo, o aforo regrese ao anterior á pandemia”, afirma Juan González, alcalde de Nigrán, quen subliña o outro obxectivo co que naceu Solpor: “apoiar aos mellores músicos da escena local e galega ofrecéndolles o noso escenario máis espectacular e o máis agardado polo público”. “A situación do mundo da cultura é moi complicada agora mesmo e desde o Concello somos conscientes, por iso seguimos apoiando con máis forza a súa presencia na programación de verán”, reafirma Juan González, alcalde de Nigrán.

Tal e como xurdíu no 2017, o obxectivo é gozar da música ao aire libre nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán vivir realidades musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo.

Solpor Monteferro é unha experiencia musical para gozar sen présa e cos cinco sentidos. Un ano máis, a cervexeira Alhambra colabora con este evento, que xa forma parte de ‘Momentos Alhambra’ ao desenvolverse nun espazo máxico que convida a saborear as súas cervexas ao compás das mellores propostas musicais.

O Concello de Nigrán, xunto a Deputación de Pontevedra, quere con este evento promocionar e por en valor un espazo tan espectacular como Monteferro ao tempo que ofrece aos grupos locais e emerxentes unha oportunidade de promocionar o seu traballo no mellor dos escenarios posibles. “Desde o goberno local apostamos desde sempre por concertos ao aire libre en lugares de indubidable encanto, como xa é o Nigranjazz na Foz ou como Vive Nigrán en Praia América-Lourido ou Sona Gaifar en Panxón.

LUNS 16 DESDE AS 19:00 HORAS

Blue Monk Trío musical creado no ano 2009 entre Vigo e Nigrán por David Prego ao baixo, Pablo Prego á guitarra e voz e Alejandro Vilas á batería.

Blue Monk

Xuntos resucitan a música de baile de todos os tempos: o repertorio vai desde o Rockabilly dos anos 50/60 ata o Rock & Roll máis puro incluíndo versións de Led Zepellin, Lenny Kravitz, Rolling Stones… Blue Monk é, por riba de todo, calidade musical.

Eladio y Los Seres Queridos No 2020 Eladio e os Seres Queridos cumpriron 15 anos de carreira con 5 discos, xiras por todo o país en diferentes festivais e salas e manténdose sempre fieis ao seu particular estilo que lles permite ser, a día de hoxe, unha das bandas mais estables do panorama musical español.

Eladio

Este talento recoñecéuselle en diversas ocasións, ao longo destes anos, con nomeamentos e premios tanto a nivel galego como estatal; proclamándose gañadores do Premio Maketón Os 40 Principais 2011 a Mellor Disco por Están Vostedes Unidos, Premio Martín Códax dá Música Galega a Mellor Grupo Indie/Pop en 2013 e 2018 e Premio MIN da Música Independente 2017 a Mellor álbum en galego por Cantares.

MARTES 17, DESDE AS 19:00 HORAS

ROMA Roma comeza a súa actividade musical antes de aprender a falar e os seus xogos infantís vanse convertendo en cancións, en poemas, en historias que contar. En 2003 grava xunto a Amaro Ferreiro a súa segunda maqueta “CONTOS PARA NENOS MORTOS”. Ofrecen algún que outro show do proxecto “AMARO E ROMA” en Vigo e O Val Miñor.

Roma

Despois de una tempada en Madrid, en 2015, grava un Ep. “ YOROMA” e vira as novas cancións por Buenos Aires acompañada por Martín Contreras, #baixista e guitarrista rosarino entre ese ano e o seguinte. Entre 2017 e 2018, instalada xa en Nigrán, leva a cabo unha mini xira de concertos “YOROMA” acompañada por “As OVELLAS NEGRAS” (Tola, batería; Alejandro Galanski, ventos; Alexis, baixo; Guille, guitarra solista) coa gravación do corte “MULLER FONTE” baixo a produción de Javier Abreu. Actualmente Roma dirixe a proposta artística Я OMA _ VIRANDO _ the full artist behind the name.

TINTA O grupo Tinta, coa vocalista Marta Vidal á fronte, foi o gañador do concurso “Vigo en Vivo”, un galardón que é un merecido premio ao talento que demostra esta nova banda de futuro prometedor.

Tinta

O mellor escenario do mundo, Solpor Monteferro, aspira a ser unha cita para non perderse aqueles que gustan de descubrir novo talento, e Tinta son iso, quilates de talento, unha aposta pola música interpretada con gusto, estupendas cancións, o presaxio dunha estrela, de que o mellor está por vir, así que gozar da súa maxia e únanse a estes primeiros crentes de fans.

BAFANA BAFANA Mentres todo o país celebraba a vitoria do combinado nacional no mundial de fútbol surafricano, Juanjo Treus estaba atareado recrutando a catro músicos cuestionablemente competentes, aínda que simpáticos e ben parecidos, para acompañarlle no libre desenvolvemento da súa faceta como crooner.

Bafana Bafana

Esta pintoresca formación non tarda demasiado en deixarse ver por diversos clubs de jazz e músicas cultas, derivando a súa inicial proposta e compoñentes ao longo dos anos ata o que a día de hoxe coñecemos como Bafana Bafana: un grupo fresco, desenfadado, ecléctico, xuvenil, que revisa sen pudor as cancións en castelán máis charramangueiros e bailables, interactuando animadamente co seu apaixonado público, que acaba sendo o sexto compoñente do conxunto.