O Concello de Nigrán ven de emprender un segundo plan para a mellora das fontes municipais cun investimento de 18.500 € que permitirán rehabilitar e por en valor unha decena delas. Así, os traballos que arrancan mañá comprenderán aos mananciais de Casanova, Preáns, Pulga e Lodeiro na parroquia de Parada; Pedrosa, Currelo e Medoñas en Priegue; Ouro e Barranco en Nigrán; e, finalmente, Xesteira en San Pedro. Todo estará listo nun prazo máximo de dous meses e corre a cargo da empresa de Nigrán Coperva. Anteriormente, no 2017, interviuse noutras oito e o obxectivo do goberno local é chegar ao 100%. A maiores, nas vindeiras semanas o Concello emprenderá obras en sete lavadoiros por importe de 129.000 € a cargo do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, correspondéndolle a Camos os lavadeiros de A Cruz, Soapena e do Rial; a Parada, Cabaleiro; a Priegue, Mestra Emérita e Alborés Pequeno e; a Panxón, San Xoán.
“Forman parte do noso patrimonio etnográfico e están en uso por parte da veciñanza, polo que se trata de conservalas e poñelas en valor, así que iremos chegando a todas mediante diferentes plans”, explica o alcalde, Juan González.
Así, en cada unha destas fontes realizaranse obras de restauración e conservación empregando materiais respectuosos coa propia infraestrutura e coa súa contorna e, adicionalmente, as melloras irán encamiñadas a facilitar o uso das mesmas en condicións de seguridade. As actuacións son similares entre si, depedendo do estado actual da fonte en cuestión, pero en xeral correspóndelles a mellora do acceso á mesma e a rehabilitación mediante técnicas que permitan devolvelas ao estado orixinario. En concreto, todas serán chorreadas e limpadas e encintarase Casanova, Pedrosa, Preáns, Currelo, Medoñas e Pulga. A maiores, repararase as canalizacións e filtracións de todas as que presentan problemas ou colocarase a chapa identificativa co estado da última analítica naquelas onde falta. Asimesmo, en Pedrosa (Priegue), Xesteira (Vilariño) e da Pulga (Parada) mellorarase o acceso ás mesmas mediante a colocación de chanzos de pedra ao resultar actualmente moi complicado o acceso.