O Concello de Nigrán rehabilitará sendas fontes e lavadoiros de Sancho de Arriba e de Abaixo (Panxón) e a zona verde que os comunica a través do obradoiro de emprego da Mancomunidade ‘Pedras do Miñor’. Os 16 alumnos-traballadores das especialidades de albanelería e cantería comezaron esta semana as obras para restaurar estes elementos patrimoniais e toda a súa contorna.
O obradoiro, que iniciou a súa andaina en agosto e ten unha duración dun ano, consta deste traballo práctico de rehabilitación de espazos públicos dos tres concellos do Miñor, seleccionando Nigrán estes elementos para o proxecto (en Baiona foi o paseo de Monte Boi e melloras no campo do Aral e en Gondomar tamén incluíron lavadoiros).
“O obxectivo é por en valor este espazo singular do barrio de Sancho e crear un lugar amable para a veciñanza, creemos que este era o lugar máis idóneo porque precisamente o que necesita son moitos traballos de cantería”, resume o alcalde e presidente da Mancomunidade, Juan González, quen incide no valor etnográfico das fontes e lavadoiros “como verdadeiros núcleos de cohesión social” no municipio. De feito, a maiores o Concello de Nigrán está a rematar as obras contratadas para rehabilitar, conservar e consolidar sete lavadoiros municipais de Camos, Parada, Priegue e Panxón cun investimento de 100.430 € a cargo do Plan Concellos 2020 (actualmente estase a tramitar xa un segundo plan para chegar a máis).

Esta zona de Sancho resulta especialmente sensible desde o punto de vista patrimonial porque consta dunha rede de rego que conecta diferentes presas de regantes (esta canle será substituída por unha aberta de lastre para ver o discorrer da auga); e, por outra banda, hay unha rede de auga potable que xurde no propio lugar como fontes de uso doméstico todavía moi empregadas pola veciñanza. Ambas fontes e lavadoiros (en Sancho de abaixo con cuberta de formigón) está comunicadas por unha zona verde que tamén se inclúe no proxecto creando un camiño de lousas de granito e compactando toda a superficie.
Os traballos de restauración inclúen todos os elementos: desde o repicado e pintado dos elementos de formigón e novo encintado de cal, ata a substitución de diferentes elementos por pedra ou novas escaleiras con chanzos únicos, creación de pezas singulares en cantería de remate de muros ou substitución de pavimento. A maiores, elimínase o actual mobiliario urbano, totalmente incoherente coa zona, por bancos novos de pedra. “A Mellora vai ser absoluta e significará recuperar e dar a coñecer esta contorna para todo o municipio”, sintetiza González.