Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán reestablece o coeficiente do IBI nun 0,6 %

O goberno de Nigrán aprobou no Pleno extraordinario de onte restablecer o 0,6 % de coeficiente do IBI urbano que rexeu ata 2016 co fin de manter o equilibrio orzamentario. Foi precisamente este mesmo goberno quen decidiu no 2016 baixar o coeficiente ao 0,5 % (o mínimo legal é do 0,4 % e o máximo dun 1,5 %) ao ser posible nese intre esa rebaixa e manter ao mesmo tempo o balance económico.

“A situación nestes últimos 7 anos cambiou moito: de 260.000 € que investíamos en ‘Axuda a Domicilio’ a 1 millón de euros que terá o vindeiro contrato, ou de ter que abonar 0 euros á Xunta en concepto da depuradora a preto 400.000 €; así como 650.000 € a Sogama, 80.000 € polo transporte metropolitano, 70.000 € á Escola Infantil ‘A Galiña Azul’… Todo elo sumado á suba da electricidade de 540.000 € a 900.000 €, polo tanto, se queremos seguir gobernando de xeito responsable e atendendo á veciñanza como merece, debemos regresar ao coeficiente de 2016”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que rexerá no exercicio 2024 manténdose as mesmas bonificacións que existían (familia numerosa, entidades de interese social, centros de ensino…). “Esta situación non é única en Nigrán porque a todos nos afectan as mesmas medidas da Xunta, por iso moitos concellos xa actualizaron o coeficiente, como poden ser O Rosal, A Guarda, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Marín, Pontecaldelas ou Meaño; outros moitos o irán facendo nos vindeiros meses”, adianta.

O resultado de pasar do 0,5 % ao 0,6 % traducirase en que un recibo de 168,98€ por un piso de 120 m2 no centro urbano de Nigrán pasará a 202,78 € (igual cantidade que pagaba antes de 2016). “É un incremento que o común dos veciños non notará porque son 30 € máis ao ano nun piso medio, nas grandes propiedades o aumento será de 60 € aproximadamente; é dicir, pagarán no 2024 o mesmo importe que viñeron abonando ata 2016, polo que consideramos que é unha suba moi pequena que só notarán os patrimonios grandes”, explica o rexedor, quen incide en que o goberno local nunca aceptou actualizar os valores catastrais, que datan no municipio de 1994, “porque o prezo das vivendas nestes últimos 30 anos subiu moitísimo, especialmente en Nigrán, e esa revisión si sería realmente prexudicial para o peto de toda a veciñanza” e tampouco aproximarse ao máximo legal permito de coeficiente, que é un 1,5% (case o triplo).

“A alternativa a manter o coeficiente no 0,5 % traduciríase de xeito directo en que non se podería contratar o próximo Servizo de Axuda a Domicilio co orzamento de 1 millón de euros necesario para atender de verdade a toda a veciñanza que ten dereito a esta prestación. Sabemos que é unha medida impopular pero resulta imprescindible se queremos gobernar de xeito responsable e sen esquecernos de quen máis o precisa”, resume o alcalde, quen engade que, “precisamente a boa xestión económica do Concello permite que manteñamos a Contribución moi baixa, lonxe do 0,91% de Vigo e igual que na Guarda (0,6 %)”.