A solidariedade internacional do Concello de Nigrán mídese nunha porcentaxe totalmente única en Galicia e moi pouco común en toda España. Así, o 0,6% do orzamento municipal destinarase este ano 2024 a cooperación ao desenvolvemento, achegándose así ao compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7%. En concreto, o Concello ven de anunciar que proporcionará 20.000 € para un proxecto de igualdade destinado ás crianzas do rural en Mozambique e, a estes cartos, hai que sumar os 30.000 € do remanente consignados o mes pasado para construír unha escola en Guinea-Bissau e 10.000 € para achegar o abastecemento de auga a unha aldea remota de Cabo Verde. En total, a localidade adicará 72.000 € este ano a diferentes iniciativas de axuda ao desenvolvemento, todo a través do Fondo Galego, entidade que o alcalde de Nigrán, Juan González, preside.
“Estamos orgullosos de ser líderes en cooperación internacional e queremos chegar o vindeiro ano ao 0,7%, ogallá sirvamos de exemplo para outros municipios porque todos xuntos si que podemos paliar as desigualdades no planeta”, sinala o rexedor, quen durante toda esta semana estivo en Mozambique liderando unha delegación do Fondo Galego cuxa misión era, precisamente, definir as novas liñas de apoio neste país africano e lusófono. Neste sentido, o alcalde decantouse por un proxecto de igualdade da Fundación Encontro (entidade que xestiona a Casa do Gaiato, orfanato situado ao sur de Maputo e no que conviven 150 crianzas sen familia, moitos seropositivos, e a quen o Concello de Nigrán subministrou este ano unha bomba de impulsión para poder regar os seus cultivos e garantir así a colleita da que se alimentan).
O Fondo Galego leva desde 2015 apoiando proxectos impulsados pola Fundación Encontro, momento no que se retomou a cooperación directa co país despois de 9 anos de parón. Agora o Concello de Nigrán investirá 20.000 € a través do Fondo para un proxecto deste entidade sen ánimo de lucro de promoción dos dereitos da infancia entre 10.000 menores dos distritos rurais de Boane e Namaacha (provincia de Maputo). Esta iniciativa ten por obxectivo contribuír ao cumprimento dos dereitos básicos de educación e saúde de nenos e nenas, priorizando a retención das nenas na pre-escola e escola primaria nas comunidades de Massaca, Mahanhane, Mahelane e Changuelane, unha área rural do sur de Mozambique.
“As nenas deixan de ir a escola en canto teñen a regra e o matrimonio infantil está á orde do día, é habitual que as casen con homes maiores. Así que se trata de educar a toda a comunidade para mudar esta realidade”, explica a técnica do Fondo desplazada na misión a Mozambique. Ademais, intervirase na Escola Primaria Comunitaria Padre José Maria de Massaca, sumándose así os 1.000 nenos e nenas beneficiadas. Estes centros ofrecen asistencia educativa, apoio alimentario, formación ás nais, así como asistencia sanitaria a nivel dos berçarios (garderías) existentes nos centros. Todo ese traballo facilita a escolarización de nenos e nenas e garante a súa seguridade alimentaria. A través deste proxecto preténdese poñer énfase na educación desde a primeira infancia transmitindo habilidades para a vida (comunicación, empatía, autoconfianza, resolución de conflitos, autonomía e traballo en equipo), para o que se realizaría tamén unha formación ao profesorado, coidadoras e activistas (817) sobre valores para unha vida saudable, con respecto e libre de violencia a través de actividades lúdicas e deportivas. Estas accións serían efectuadas nos espazos de recreo dos centros ao temop que serán rehabilitados os parques dos catro centros de ensino. Por tanto, o proxecto ao que se vincula directamente o Concello de Nigrán trata de reducir a vulnerabilidade das nenas e nenos e promover actitudes favorables á igualdade e equidade de xénero.
“A valoración dos proxectos desenvolvidos polo Fondo a través da Fundación Encontro é moi positiva, por iso queremos continuar apoiando as súas iniciativas, e, neste caso, nada nos sensibiliza máis como Concello que o traballo a prol da infancia, eles serán os que constrúan en poucos anos un Mozambique máis xusto e igualitario, por iso é un orgullo para Nigrán liderar este proxecto”, resume o alcalde, quen xa visitara o país en 2018.