O Concello de Nigrán ofrece desde o mércores 18 ao sábado 21 a segunda edición do Parrulas Fest no esteiro de A Foz da Ramallosa, festival producido desde a cooperativa Charlatana e dirixido a público infantil e familiar.
Nesta ocasión, a cita presentada na propia localización, contará con dez das mellores compañías galegas de artes escénicas (maxia, circo, acrobacias, teatro e outras disciplinas) e coa maga, actriz e show-woman xerezana Lola Mento como artista convidada desde Andalucía. Todas as actuacións serán a partir das 20:00 horas (a maiores as dúas de venres e sábado ao mediodía para primeira infancia) e, coma no 2020, contará con aforo limitado e demais medidas de seguridade Covid-19.

“O ano pasado estreamos Parrulas con gran éxito e pese a todas as circunstancias adversas porque consideramos que as crianzas non debían esperar máis tempo sen actividades propias despois dun confinamento especialmente duro no seu caso, este é o seu festival e ven para quedarse, agardamos que no 2022 sexa xa sen restricións”, desexou o alcalde, Juan González.
Como novidade, nesta ocasión haberá dúas actuacións ao mediodía pensadas especialmente na primeira infancia, sendo o venres a cargo de ‘A tropa de trapo’ co seu espectáculo Barquiño de pau e o sábado ‘O Mago Paco con Patapatún Tun Tun. Ademais, o festival destaca tamén polo seu compromiso social ao acoller o sábado 21 unha gala solidaria a favor de Pallasos sen Fronteiras conducida por Peter Punk, nome artístico de Isaac Rodríguez, nigranés e socio fundador a súa vez da cooperativa Charlatana e vicepresidente da Asociación de Profesionais do Circo de Galicia.

O fin é que o recadado mediante a ‘gorra solidaria’ dos artistas participantes vai directamente a esta entidade que traballa a nivel nacional e internacional a favor da infancia máis desfavorecida co obxectivo de mellorar a súa situación emocional.
“Regresamos cunha programación moi variada e coidada na que destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega”, destaca Isaac Rodríguez, quen ten como obxectivo “situar a Nigrán no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia”.
Así, Parrulas Fest arrancará o mércores 18 con Brais das Hortas (Contos para caghar patatillas) e Patty Diphusa (Superharte); xoves con Asacocirco e Circanelo; venres con Tropa de Trapo a mediodía e, na sesión vespertina, con Duende Circo (Pallaso Total) e Pajarito (Isolada) e, finalmente, sábado con O Mago Paco a mediodía e pola tarde Lola Mento e a gala a favor de Pallasos sen Fronteiras.