Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán prepara una excursión a Bueu e ao Museo Massó

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o 23 de novembro a Bueu e arredores, Museo Massó, e xantar-baile no restaurante Casas, en Redondela. O prezo total é de 23 €/persoa e inclúe transporte, visita guiada, entrada ao museo e comida. A inscrición realizarase este venres 18 de Novembro na Oficina de Turismo Dunas de Gaifar (Panxón) de 9:00 a 12:00 horas (só se permite anotar un acompañante por cada solicitude e as prazas cubriranse por rigorosa orde de chegada).

A excursión partirá ás 8:45 horas en autobús desde a Oficina de Turismo Dunas de Gaifar para visitar o Museo Massó, instalado nas naves industriais da antiga conserveira Massó Hermanos, nas inmediacións do porto de Bueu, na ría de Pontevedra e en pleno corazón da península do Morrazo. Documentación marítima, instrumentos de navegación ou testemuños das factorías conserveira e baleeira conforman este espazo. Ademais de coñecer Bueu e, segundo o tempo o permita, visitarase algún outro punto dos seus arredores, finalmente haberá xantar-baile no restaurante Casas de Redondela. O menú consta de langostinos, vieiras, merluza á romana, codillo, sobremesa, café e bebidas. O baile comezará ás 16:00 e a hora aproximada de regreso é ás 19:00.

O Goberno local de Nigrán entende que viaxar “non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para as persoas maiores, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.