Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán pon en marcha a primeira brigada contra incendios 100 % municipal

Ademais de tarefas de prevención, sumaríanse ao GES para labores de extinción de lumes no municipio

O Concello de Nigrán estreou o 1 de abril a primeira brigada completamente municipal de prevención de incendios de toda a comarca. O goberno local optou pola contratación directa e posta en marcha despois de que as experiencias anteriores dependentes de subvencións da Xunta de Galicia retrasasen o seu funcionamento ao mes de setembro por cuestións meramente administrativas. Deste xeito, investíronse algo máis de 40.000 € na contratación de catro peóns forestais con experiencia e unha xefa de brigada no periodo comprendido entre o 1 de abril e o 30 de setembro (todos a xornada completa e seleccionados desde a Oficina de Emprego) e na dotación do equipamento preciso.

“Optamos por esta vía para garantir o funcionamento da brigada na tempada que realmente Nigrán a precisa e, agora que dispomos dos medios materiais, repetiremos esta fórmula anualmente cun investimento moito menor”, explica o alcalde, Juan González, en referencia á adquisición dun todoterreo Pick-Up de segunda man por 18.000 € e aparellos ou maquinaria como motoserras, rozadoras e soprafollas.

A brigada, xa totalmente operativa, traballa en labores de prevención de incendios forestais abrindo camiños no monte para o correcto acceso de vehículos de emerxencia en caso de necesidade, eliminando biomasa, rozando as contornas de vivendas en risco ou incluso limpando de forma subsidiaria fincas con expedientes sancionadores porque os propietarios non as manteñen conforme obriga a lei.

“Isto súmase o labor de control de parcelas potencialmente perigosas en caso de lumes nas faixas de seguridade próximas ás vivendas e que non estaban sendo limpadas polos seus propietarios ou non tiñan propietario coñecido. A maiores, as súas labores comprenden a vixiancia e extinción de incendios en caso declararse algún no municipio, polo que nese caso se sumarían aos efectivos do GES”, tal e como explica o edil de medioambiente, Diego García Moreira, quen destaca a o gran índice de masa forestal que ten o municipio e, polo tanto, a importancia desta brigada propia. “Ao igual que cada ano a Mancomunidade contrata socorristas para manter as súas praias seguras durante a tempada estival, a partir de agora o Concello de Nigrán contratará directamente a brigadistas con experiencia para manter o seu servizo propio e, con elo, previr incendios na tempada de máis risco”, resume González.