Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán participa co proxecto ‘Un Nigrán para todos’ nunhas xornadas da Universidad de Granada sobre inclusión na industria musical

A institución académica invitou a participar ao alcalde nunha mesa redonda adicada a este proxecto municipal e ao tema 'Invencibles' da banda almeriense Nixon, considerados ambas dúas referencias nacionais en visibilización

O Concello de Nigrán presentou esta onte o proxecto ‘Un Nigrán para todos’ nas primeiras xornadas da Universidad de Granada sobre discapacidade, diversidade e igualdade na industria da música. A través de videoconferencia, o alcalde, Juan A.González, participou nunha mesa redonda adicada ao proxecto do municipio ‘Un Nigrán para todos’ e ‘Invencibles’ da banda almeriense Nixon, considerados ambos referencias nacionais en visibilización. El Langui, Nixon, Rakel Arymux, Toni Romero (teclista de Chambao e Antílopez) ou actuacións en directo (Laura Fernández, cantaora flamenca), charlas e mesas redondas centran estas xornadas semipresenciais que arrancaron onte en Granada e finalizan esta noite.

O rexedor desgranou, unha a unha, as iniciativas de inclusión levadas a cabo en Nigrán a través do grupo interdisciplinar ‘Un Nigrán para todos’, sendo a máis popular no ámbito cultural a adquisición de 5 mochilas vibratorias para que as persoas xordas sintan a música. Xunto a el, compatiron mesa Miriam Aller, directora de Entresignos e membro de ‘Un Nigrán para todos’; un portavoz do club de rugby inclusivo Ura Clan; e Alejandro Sánchez Navarro, cantante do grupo almeriense Nixon que ven de editar o tema ‘Invencibles’, un un proxecto con fins benéficos na que participa Shuarma (Elefantes), Gabriel de la Rosa (Shinova), Adrián Gutiérrez (Nunatak), Delaporte, Rayden o Delafé.

“Hai tempo que a Universidade de Granada se puxera en contacto con nos porque lles interesou moito as mochilas vibratorias e quixeron coñecer a nosa experiencia para valorar se as adquirían. A raíz disto interesáronse moito no noso proxecto de ‘Un Nigrán para todos’ e nos invitaron a estas xornadas que, finalmente, foron semipresenciais por seguridade sanitaria”, explica o alcalde. “Estamos moi orgullosos de ser unha referencia nacional en temas de inclusión e nos gustaría moito que o proxecto de ‘Un Nigrán para todos’ se extendese a cada localidade”.

‘Un Nigrán Para Todos’ é un grupo de traballo interdisciplinar do Concello de Nigrán formado en 2015 por profesionais adicados á mellora da calidade de vida das persoas con diversidade e que propón accións encamiñadas a garantir a accesibilidade universal en Nigrán, prestando especial atención ás barreiras sensoriais, as máis ‘invisibles’ para a sociedade.