Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán ofrecerá nas fontes a última analítica dispoñible a través de códigos QR

O Concello investíu no último ano máis de 100.000 € en rehabilitar fontes e lavadoiros municipais

O Concello de Nigrán está a instalar códigos QR en cada unha das 65 fontes municipais co fin de facilitar a través deles a correspondente analítica completa da auga. O sistema foi ideado e desenvolvido por Santi Darrocha e Pedro Rojo, alumnos nigraneses que están a realizar as súas prácticas de Informática e Comunicacions (ciclo de FP no IES Proval) no Concello. Deste xeito, calquera cidadá pode obter a derradeira análise de auga (realízanse cada 6 meses) simplemente escaneando co teléfono móbil a pegatina QR ubicada en cadanseu manancial.

“Ocorreusenos esta idea porque moitos veciños chamaban ao Concello pedindo a analítica completa de determinada fonte máis alá de se é apta ou non apta como xa o indica, e este é un sistema sinxelo de achegar esa información e facela pública”, sinala o edil de Medio Ambiente, Diego García, quen incide en que ao mesmo tempo “trátase de facer as prácticas obrigatorias destes rapaces o máis produtivas, motivantes e enriquecedoras posible para eles”. “Este traballo para eles supuxo un reto que cumpriron con creces, entre os dous realizaron o proxecto e o levaron adiante”, destaca García Moreira, quen incide no “fácil e intuitivo” que resulta para o administrador renovar cada 6 meses os documentos das novas analíticas.

Rehabilitación

Este proxecto do Concello de Nigrán para facilitar a información relativa a calidade da auga de cada fonte encádrase na súa iniciativa para por en valor as fontes e lavadoiros municipais. Así, actualmente estase a traballar no lavadoiro e de Sancho de Arriba e de Abaixo (Panxón) e a zona verde que os comunica a través do obradoiro de emprego da Mancomunidade ‘Pedras do Miñor’. A maiores o Concello de Nigrán está rehabilitar, conservar e consolidar sete lavadoiros municipais de Camos, Parada, Priegue e Panxón cun investimento de 100.430 € a cargo do Plan Concellos 2020.

“Este elementos teñen un enorme valor etnográfico porque foron verdadeiros núcleos de cohesión social en cada barrio e seguen en uso, por iso traballamos na súa posta en valor desde un punto de vista patrimonial e tamén ofrecendo agora información actualizada da calidade da auga máis alá de se é apta ou non apta, información esta última que xa figuraba”, resume Juan González, alcalde de Nigrán.