Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán ofrece unha excursión á Illa de Tambo

Está dirixida a xubilados empadroados, ten un custe de 25 € e o prazo de inscrición abre o 19 e 20 de abril

O Concello de Nigrán, dentro do seu programa de turismo social para a veciñanza xubilada, abre a inscrición este mércores 19 e xoves 20 de abril de 9:00 a 12:00 no Pavillón de Panxón para asistir a unha excursión á illa de Tambo o mércores 26 de abril. O roteiro pola illa ten unha duración de 3 horas, polo que é preciso levar roupa e calzado axeitado e estar en condicións físicas de realizar unha andaina desta duración. O custe é de 25 € e inclúe autobús, traxecto en barco, visita guiada e comida no Restaurante Casas (Redondela). A saída será ás 9:00 desde a Oficina de Turismo de Panxón e o regreso, aproximadamente ás 20:00 horas. Esta destinado a persoas xubiladas empadroadas en Nigrán e a inscrición será por rigorosa orde de chegada.

A Illa de Tambo está situada no medio da Ría de Pontevedra, ten unha superficie de 28 hectáreas e alcanza os 80 metros de altura no monte San Facundo. É ovalada e ten unha típica forma piramidal completamente cuberta de arboleda, especialmente eucaliptos. Conta cun faro , dúas praias (Area da Illa e A Dreidá) e tres pequenos embarcadoiros. A Illa de Tambo non pertence a ningunha parroquia en concreto, aínda que forma parte do termo municipal de Poio. Con todo, a vixilancia segue estándo a cargo da Escola da Armada Naval de Marín