Domingo, 4 Maio de 2025

Nigrán ofrece hoxe a curtametraxe de Aaron Siebert ‘Elas’

O compositor e cineasta con raíces en Camos rende homenaxe ás mulleres galegas nesta curtametraxe con posprodución en EEUU e primeiro premio no Festival de Cinema Fantástico da Coruña

O compositor e cineasta Aaron Siebert, con raíces en Camos, presenta esta tarde ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a súa ópera prima “Elas”, película inspirada na súa avoa e na que rende homenaxe ás mulleres galegas. O filme, rodado en parte en Galicia e con posprodución en EEUU, contou para a súa gravación coa colaboración do Concello de Nigrán e recentemente obtivo o primeiro Premio “FETUS” no Festival de Cinema Fantástico da Coruña (FKM).

Baseado en feitos reais, unha nena enfróntase á escuridade do século XX en Galicia e renace chea de forza ao converterse en anciá. Na curta aparecen actores profesionais e personaxes reais, algúns deles moi coñecidos na parroquia de Camos.

Aaron Siebert

Compositor de música de cinema e de concerto laureado formado en España e Estados Unidos de tan só 26 anos de idade. O seu debut como director e guionista chega en 2021 con Elas, a súa tese de fin de Master na Eastman School of Music. O seu estilo aposta por provocar o nacemento da mensaxe a través da intuición, cun simbolismo de gran impacto visual.