Venres, 9 Maio de 2025

Nigrán ofrece este sábado o concerto de fin de Nadal a cargo das irmás Raña Barreiro

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 8 xaneiro ás 19:30 horas no Auditorio Municipal o concerto de fin de Nadal de frauta traveseira e piano a cargo das irmás Lara e Alba Raña Barreiro.

Nadas no 2001 en Vigo, as irmás Raña Barreiro continúan o  ‘I Cliclo de Novos Intérpretes’ do Concello de Nigrán, un certame que nace co obxectivo de ofrecer actuacións de novos talentos musicais de toda España, ben matriculados no derradeiro curso do Conservatorio Superior ou ben gañadores dalgún concurso nacional ou internacional (solistas ou formacións camerísticas).

Interpretarán nunha primeira parte a Sonata N 9 en Re Maior de W.A. Mozart, “Paraphrase de concert sur Rigoletto” S. 424 de F. Liszt e “Deux Poemes” Op. 32 de a. Scriabin. Nunha segunda parte interpretarán a “Sonata op. 15, La Flûte de pan” e rematará o concerto co “Nocturno e Allegro scherzando” de P. Gaubert.

 ‘I Ciclo de Novos Talentos’

Co afán de apoiar e protexer a excelencia musical, o Concello de Nigrán pon en marcha unha serie de concertos cunha mostra das mellores novas promesas de todas as especialidades instrumentais que marcarán o devir musical e cultural nun futuro non moi afastado. Así, Nigrán pon o seu Auditorio Municipal a disposición das agrupacións de novos músicos de todos os ámbitos, formacións camerísticas e solistas, que estean matriculados no último curso de Grao Superior de calquera conservatorio de España e sexan especialmente talentosos, así como aqueles intérpretes gañadores dalgún primeiro premio nalgún concurso nacional ou internacional.