Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán ofrece en Porto do Molle a mostra ‘Nigranjazz – XVI Anos de Música e Deseño’

O Concello de Nigrán ofrece desde hoxe luns 11 de xullo ao venres 29 de xullo na fábrica e punto de venda e degustación de cervexas ‘Banda’, en Porto do Molle, a exposición ‘Nigranjazz – XVI Anos de Música e Deseño’. A cervexeira local ubicada no parque empresarial (Rúa do Labrego, 22, Nave 5E)  súmase como novo patrocinador do festival e acolle na súa propa sala de exposicións a mostra que reúne aos carteis das 16 edicións (de luns a xoves de 11:30 a 19:00 e os venres ata as 21:30). O festival convoca desde o ano 2010 o concurso ‘Quin Alborés’ como homenaxe póstuma a este artista nigranés, gran amante do xénero e quen impulsou o Nigranjazz desde o seu comezo realizando os tres primeiros carteis. Entre os gañadores deste certame figuran deseñadores consagrados como Carlos Arrojo, David Sierra ou Leonardo Abate, autor desta edición.

“Estamos moi orgullosos de que a empresa local Banda-Triskale, fabricante ademais da cervexa ‘Nigrán, equilibrio natural’, patrocine o noso festival máis lonxevo, a fusión é perfecta”, sinala o alcalde, Juan González, quen invita aos veciños a acudir as súas instalacións para descubrir a exposición e tamén as súas cervexas, xa que dispoñen de barra para poder degustalas.

XVI Nigranjazz

O Nigranjazz regresa do 29 ao 30 de xullo ao espectacular escenario ao aire libre do esteiro de A Foz coa presencia dos músicos con maior proxección internacional e na que será, ata a data, a súa edición máis feminina. Así, tres das catro formacións invitadas están lideradas por mulleres: a pianista catalá Lucía Fumero, a guitarrista e compositora letona Ella Zirina e a cantante Eve Cornelius, bandas ás que se suma o guitarrista franco-galego Wilfried Wilde (que tamén conta con mulleres no seu quintento).  As tradicionais jam-sessions volverán a celebrarse no propio esteiro de A Foz tras os concertos e a master-class, da que se informará convintemente sobre a inscrición, será a cargo da cantante americana Eve Cornelious o sábado 30 ás 12:30 horas no Auditorio do Concello. O Nigranjazz conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos.