Mércores, 7 Maio de 2025

Nigrán ofrece en Patos o martes unha nova sesión de ‘Ioga e meditación no Solpor’

A maxia da praia de Patos para acadar unha paz espiritual e física regresa este martes 9 de agosto ao areal a partir das 20:30 horas nunha nova sesión de ‘Ioga e meditación no Solpor’ a cargo do gran mestre internacional Madhana, pioneiro nesta disciplina en España, introductor en Galicia e fundador e director do Centro Sananda en Vigo. O célebre yogui realizará unha demostración e posterior clase iniciática gratuíta aberta a toda aquela persoa que desexe participar, non sendo preciso inscribirse previamente, tan só presentarse ás 20:30 horas no areal (altura da caseta de Protección Civil) cunha toalla ou esterilla, botella de auga e protección solar. As citas con ‘Ioga e Meditación no Solpor’ finalizan o 30 de agosto no propio areal tamén ás 20:30 horas para que coincida co sorprendente solpor de Patos.

“A combinación do enclave coa propia actividade é verdadeiramente marabillosa”, considera o alcalde, Juan González.

“Queremos de maneira desinteresada e altruista ofrecer este encontro na busca de maior equilibrio entre mente e corpo. Non existe outro beneficio que o do ioga mesmo, por iso animamos a toda aquela persoa interesada a que acuda”, invita Madhana Agulla, gran mestre acostumado a impartir cursos a nivel internacional e formado co profesor Rama Chandra Filosofía na India na Universidade Mysore.