Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán instala paneis solares na Casa do Concello e no pavillón municipal

Investíronse un total de 16.536 € que estarán amortizados en seis anos grazas ao aforro enerxético que permiten.

O Concello de Nigrán dá un paso máis no seu compromiso de rebaixar nun 40% as súas emisións de CO2 de aquí a 2030 instalando placas solares na Casa Consistorial e no Pavillón Municipal. Así, investíu 16.536 € que estarán amortizados no prazo de 6 anos grazas ao importante aforro enerxético que permite o emprego de renovables. En total, instaláronse 12 placas e un inversor no Pavillón cunha produción fotovoltaica estimada de 7.886,21 kWh e, no Consistorio, 17 unidades e un inversor cunha produción estimada de 11.215,69 kWh.

O Concello de Nigrán está adherido ao plan de acción do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ co obxectivo marcado de deixar  de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017. Neste sentido, un dos obxectivos de cara a 2030 é que polo menos o 27% da enerxía empregada polo Concello proveña de fontes renovables.

“Daremos todos os pasos posibles para redubir a emisión en 1,32 toneladas per cápita só a través de iniciativas de competencia municipal, como tamén o é o cambio a iluminación LED no alumeado público”, explica o alcalde, Juan González, en referencia a este pacto ao que Nigrán se subscribíu oficialmente o 5 de agosto de 2019. O Plan de Acción ten como liña maestra o troco a iluminación LED como a fórmula estrela para acadar ese aforro do 40% de emisións e a substitución por renovables. Como proba irrefutable, a través do troco que ven levando a cabo o Concello en diferentes rúas nos derradeiros catro anos, o consumo pasou de 4,8 millóns de Kw/hora/ano a 3,6 millóns, cuantificándose o aforro en 61.839 €.