O Concello de Nigrán iniciou esta semana, coa colaboración da Comunidade de Montes, unha nova fase de escavación e musealización do Castro de Chandebrito destinada a conservar, consolidar e restaurar a muralla superior do primeiro recinto (datada no VIII a.C) e cuxa intervención se estima nun mes. Con este obxectivo, o Concello conta cunha subvención de 13.000 € da Deputación de Pontevedra destinada á rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico-cultural. Adicionalmente, o goberno local levará ao vindeiro pleno a consignación de 11.000 € do remanente de Tesourería para a redacción dun proxecto que contemple a exhumación de 400 metros cadrados de terreo ubicado entre esta muralla e a seguinte inferior, o que permitirá deixar ao descuberto moitas máis estrututas (principalmente vivendas) e consolidar ambas fortificacións.
Deste xeito, o Concello comprométese coa Comunidade de Montes de Chandebrito para avanzar radicalmente nas escavacións iniciadas no 2019 a través da cooperativa Árbore Arqueoloxía (encargada tamén da intervención actual). “A meta é situar este castro como un referente etnográfico en toda Galicia, o potencial é enorme e non queremos desaproveitalo”, indica Juan González, alcalde de Nigrán, quen subliña que “é o gran tesouro patrimonial de Nigrán e da comarca”.
Esta segunda actuación, na que xa se está a traballar conforme á propia autorización de Patrimonio, suporá restaurar un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que xa quedara parcialmente á vista nas escavacións promovidas desde o Concello no 2019 nos 58 metros cadrados lindeiros, onde se atoparon tres construcións diferentes e outras dúas murallas a maiores. Polo tanto, a nova exhumación permitirá apreciar mellor a natureza do Castro como recinto típicamente fortificado.

“Desde abaixo apreciase como un muro totalmente vertical dificilmente expugnable, pero unha vez que te achegas a él podes ver que é máis ben un socalco onde amoreaban as pedras, estamos seguros de que os seus habitantes xogaron con esta perspectiva ao seu favor á hora de construílo”, sinalan os arqueólogos de Árbore, que traballarán ao longo de 20 días nun equipo composto por cinco expertos e dous bolseiros restauradores. “Esta nova escavación quedará totalmente á vista, polo que dará unha idea clara ao visitante de como era o Castro na súa orixe, que segundo os diferentes achados podemos situar no S. VIII”, explica Benito Vilas, un dos arqueólogos responsables.
“Todos comprendemos que a cultura, o respecto ao medio ambiente e a actividade económica deben ir sempre da man, por iso desde o goberno local apostamos por facer investimentos como a musealización deste espazo único polo seu significado histórico e pola situacón con incríbles vistas á ría de Vigo e á comarca”, destaca o rexedor, quen apunta á creación do primeiro parque forestal da comarca en terreos queimados das parroquias de Camos e Chandebrito como outro dos grandes “proxectos estrela’ do goberno municipal.
Historia do Castro
O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación realizada no 2019 por Árbore Arqueoloxía a instancias do Concello de Nigrán amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos. Así o certifican as decenas de pezas atopadas (fusos de fío, la e liño, pedras de afiar, pezas de metal, unha conta púnica…) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas da Historia e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa). Así, a pesares da creencia popular de ser unha sociedade eminentemente guerreira, os antigos habitantes de Chandebrito vivían da agricultura y da gandeiría.