25.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán inicia o proceso de contratación para humanizar a rúa Otero Pedrayo

    Nigrán inicia o proceso de contratación para humanizar a rúa Otero Pedrayo

    A obra, cun orzamento base de 1.315.797 €, conta cunha subvención Reacpon da Deputación de Pontevedra de 900.000 €, polo que o Concello investirá nela só 415.797 € do Remanente

    O Concello de Nigrán iniciou o pasado 3 de novembro o expediente de contratación para humanizar a rúa Otero Pedrayo tras consignar o crédito e agardar por todas as autorizacións. Así, nos vindeiros días sairá a licitación esta obra considerada urxente e prioritaria para o goberno local e que conta cun orzamento base de 1.315.797 € dos que, según se acaba de aprobar, a Deputación de Pontevedra subvencionará 900.000 € a través do plan ReacPon e o Concello aportará 415.797 € a cargo do Remanente. A rúa, en estado calamitoso, vertebra o municipio ao comunicar o núcleo urbano de Nigrán (PO-552) con Panxón (Rúa Mariñeiro).

    “Tras máis de 30 anos de abandono absoluto por parte da Xunta, o Concello a transformará en só un ano de titularidade municipal; esta é a gran obra que estamos desexando abordar. É de xustiza para os veciños que o veñen reclamando porque esta é de seguro a estrada peor conservada de toda a provincia, acumulando decenas de denuncias por caídas nas beirarrúas”, sinala o alcalde, Juan González, en referencia a máis de 6 anos de goberno instando á Xunta que asumise as obras por ser unha vía da súa competencia e, finalmente, optar o Concello no 2020 por solicitar a titularidade municipal. “O que non fixo a Xunta en décadas o solventaremos nós nun ano, afortunadamente somos un Concello coas contas saneadas e podemos facelo”, incide. Así, finalmente, a rúa foi transferida ao Concello en xullo de 2020, a continuación o consistorio contratou o proxecto e, durante máis dun ano agardouse pola autorización da AXI para poder iniciar este expediente de contratación.

    “A situación é absolutamente desastrosa, cunhas beirarrúas esnaquizadas e uns servizos que tanto ambientalmente como estruturalmente supoñen un gran problema. O cambio de imaxe será radical, faremos unha rúa moito máis amable para os seus veciños, un lugar polo que poder pasear, accesible de verdade e con puntos de encontro nos que poder pararse a charlar ou descansar, ese é o Nigrán para todos que estamos a construír e ao que se sumará esta estrada fundamental na vertebración do municipio”, resume o alcalde.

    Proxecto de humanización

    A humanización contemplada no proxecto comprende a totalidade da vía e inclúe a creación dunha nova zona verde nunha parcela municipal ao carón da rúa Costiña. O aspecto máis destacable será a completa renovación dos colectores de abastecemento e saneamento, creando a maiores unha rede separativa de pluviais que non existe actualmente, o que causa problemas de sobrecargas nos días de choiva e destrozo do pavimento. Asimismo, darase ao fin continuidade ás beirarrúas que rematan abruptamente á altura do Centro Antena (rúa Porqueira) mediante a creación dunhas novas que si cumpran a normativa de accesibilidade e en formigón pulido coloreado con canto en pedra, seguindo asi a estética da súa veciña rúa Mariñeiro. Os pasos de peóns serán, ademáis, sobreelevados e con iluminación específica mediante una barra lateral co obxectivo de outorgarlles a máxima seguridade, tal e como xa fixo o Concello noutros do casco urbano.

    Adicionalmente, contémplase renovar o asfaltado en toda a rúa e o cambio a iluminación LED con novas farolas cun fuste personalizado co gravado en corte láser do escudo de Nigrán e eliminarase o tendido aéreo eléctrico e de comunicacións que todavía existe, desaparecendo os postes da estrada. A plantación de cerdeiras ornamentais en todo o percorrido das novas beirarrúas outorgará a toda a zona unha imaxe máis amable, feito que se complementará con novo mobiliario urbano (bancos e papeleiras).

    Dentro do mesmo proxecto, o Concello de Nigrán inclúe a rehabilitación dun espazo verde municipal de 450 metros cadrados ao carón de Otero Pedrayo, na rúa Costiña, co obxectivo de convertilo nunha zona de lecer para a veciñanza. Nel disporase dun circuito biosaudable para facer exercicio ao aire libre, bancos e arbolado.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.