Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán inicia a rehabilitación de sete lavadoiros municipais

Anteriormente o Concello levou a cabo un programa de rehabilitación dunha decena de fontes municipais e no 2017 doutras 8

O Concello de Nigrán rematará ao longo das vindeiras semanas as obras para rehabilitar, conservar e consolidar sete lavadoiros municipais de Camos, Parada, Priegue e Panxón cun investimento de 100.430 € a cargo do Plan Concellos 2020. Actualmente estase a tramitar xa un segundo plan para chegar a máis lavadoiros públicos.

O obxectivo é por en valor este patrimonio que, debido a engadidos moi posteriores a base de materiais como formigón ou bloques, presentaba unha imaxe de conxunto desvirtuada e carente de interese. Os traballos foron adxudicados á empresa Rocas Graníticas del Condado ao presentar á mellor oferta económica.

“Intervimos naqueles lavadoiros que si son de titularidade municipal para harmonizar a súa imaxe de conxunto e devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Compre sinalar que, aínda que de xeito xa máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, indica o alcalde, Juan González, quen subliña que as obras se demoraron máis do previsto ao ser preciso obter a autorización previa de Patrimonio.

En concreto, o Concello intervirá nos lavadoiros de A Cruz, Suapena e Rial (Camos), Cabaleiro (Parada), Mestra Emérita e Alborés Pequeño (Priegue) e San Xoan (Panxón). O proxecto, asinado polo arquitecto nigranés Severo Fernández, contempla limpar e restaurar manualmente a cantería existente de todos eles (sen empregar máquinas hidrolimpiadoras ) e eliminar e desmontar todos os elementos construtivos alleos ao lavadoiro orixinal. Asi, nos sete lavadoiros se eliminarán as respectivas cubertas de formigón e cimentos porque non son orixinais do conxunto e lles restan valor para, a súa vez, construír novas cubertas a dúas augas (ou segundo a situación e tipoloxía) que serán de tella curva sobre listóns de pino e apoiadas sobre unha estrutura tamén de madeira. Este cambio, que conta coa autorización de Patrimonio, creará unha envolvente máis lixeira que contribuirá a por en valor o propio lavadoiro.

A maiores, no caso dos que teñen actualmente plaquetas ou muretes de formigón ou bloques, estes serán substituídos por granito e se eliminarán as pintadas ou graffitis se os hai, ademais de dotar a todas as contornas dos lavadoiros de puntos de luz.

Fontes municipais

O Concello levou a cabo anteriormente un plan para a mellora das fontes municipais cun investimento de 18.500 € que permitiu rehabilitar e por en valor unha decena delas. Así, os traballos comprenderon aos mananciais de Casanova, Preáns, Pulga e Lodeiro na parroquia de Parada; Pedrosa, Currelo e Medoñas en Priegue; Ouro e Barranco en Nigrán; e, finalmente, Xesteira en San Pedro. Anteriormente, no 2017, interviuse noutras oito e o obxectivo do goberno local é chegar ao 100%.