Mércores, 11 Decembro de 2024

Nigrán homenaxea ás viúvas da «Volta dos 9»

Familiares destas mulleres acudiron ao ‘Xardín da Memoria’, ao carón do Pavillón de Panxón, para recordar ás viúvas nun acto promovido dende o Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán pechou este mediodía no ‘Xardín da memoria’, ao carón do Pavillón de Panxón, os actos en recordo do tráxico suceso coñecido como a ‘Volta dos 9’ cunha homenaxe ás viúvas destes executados o 15 de outubro de 1936 na curva da Bombardeira (Baredo) e de Dolores Samuelle, quen pagou coa súa vida agochar aos ‘Ineses’.

Con esta homenaxe, á que asistiron netos, bisnetos a unha filla de Manuel Barbosa e Julia Sanjuan (asasinado e víuva) o Concello conmemorou ao mesmo tempo o Día da Recuperación da Memoria Lingüística de Galicia, data creada pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística na que se promove o emprego do galego nos actos fúnebres (incluído obituarios, lápidas, placas…). O Concello volveu deste xeito a vincular a memoria lingüística á memoria histórica (os anos anteriores trocouse ao galego a lápida do mestre republicano Vázquez Grela ou dos represaliados Antonio Veiro ou Daniel Pazó).

“Cremos que foi moi acertada a elección do IEM de adicar este mes de outubro ás outras vítimas da coñecida como ‘Volta dos nove’, as viúvas dos asasinados e Dolores Samuelle, asasinada por axudar a agochar aos ineses. Estas mulleres tiveron que saír adiante soas, con fillos ao seu cargo, e marxinadas pola sociedade”, explicou o alcalde, Juan González, antes de descubrir unha placa co seu nome ao carón de onde figura desde 2016 un monumento que recorda aos seus homes. O momento máis emotivo do acto foi cando Julia Barbosa depositou un ramo onde o Concello ubicou a placa co seguinte texto:

[su_image_carousel source=”media: 8213,8214,8215″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

‘En memoria das outras vítimas esquecidas na ‘Volta dos 9’: as viúvas dos asasinados en Baredo (15.10.1936) e Dolores Samuelle, quen pagou coa súa vida agochar aos ‘Ineses’ (13.10.1936) . As dez representan ás mulleres do Val Miñor e do país que, invisibilizadas pola Historia e tamén marxinadas na súa época, sufriron as duras consecuencias da represión e do terror franquista. Julia Sanjuan García, Clementina Freire Mosquera, Antonia Rial Veiro, Rosalía Rodríguez Iglesias, Angelina Vega Ríos, Sofía Vieites Penedo, Eugenia Mijón Durán, María [descoñécense os apelidos], Aurelia Rodríguez Cabral e Dolores Samuelle Álvarez’.

“Sempre se obvia ás mulleres que tiveron que saír adiante soas coas súas familias e estando condenadas ao ostracismo. Estas viúvas e Dolores Samuelle, asasinada, representan a todas as vítimas femininas invisibilizadas pola Historia inxustamente”, finalizou o rexedor.

A ‘Volta dos 9’ marcou á comarca porque supuxo a execución a sangue fría o 15 de outubro de 1936 de nove veciños do Val Miñor como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a muller que os agochaba (Dolores Samuelle) e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baredo. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquelo que sucedeu. Este suceso está narrado no libro ‘Nigrán. Memoria dunha guerra’, do propio Juan González.