Venres, 9 Maio de 2025

Nigrán forma a 35 comerciantes da Ramallosa no emprego das redes sociais

O obxectivo é outorgarlles as ferramentas necesarias para ampliar a súa visibilización, fidelizar aos clientes e acadar novos

O Concello de Nigrán está a formar a 35 comerciantes de A Ramallosa no manexo das redes sociais para beneficio de cadanseu negocio. O obxectivo deste curso semipresencial de 20 horas e impartido pola community manager Bárbara Calvo é outorgarlles as ferramentas necesarias para ampliar a súa visibilización, fidelizar aos clientes e acadar novos. Con este obxectivo, os comerciantes están a aprender o uso de WhatsApp Business, Google Mybusiness, Instagram, deseño con Canva, copywriting, automatizacións Meta Business Suite, reels…

“Existe bastante descoñecemento pero, a cambio, hai unha gran motivación e ilusión por aprender, así que se está avanzando moitísimo en pouco tempo”, explica a profesora.

“Foi un curso que os propios comerciantes nos pediron e non dubidamos en organizalo porque desde o Concello apoiamos calquera iniciativa que poida beneficiar ao pequeno comercio; o manexo de redes é fundamental hoxe en día se tes un negocio”, considera o alcalde, Juan González, quen encadra esta formación na campaña municipal #VivoEnNigránComproEnNigrán e #EuSonDeMercarEnNigrán. “Organizaremos todos os cursos que sexan precisos porque o investimento é pequeno e, en cambio, o rédito é moi alto”, explica.

Neste sentido, e enfocado a un sector concreto, compre destacar que o Concello de Nigrán, na súa aposta por posicionarse como destino de calidade internacional mellorarando a atención ao peregrino e ao turismo estranxeiro, ofreceu o ano pasado un curso similiar dirixido á hostalaría. Neste caso foi un curso gratuíto de inglés de 53 horas en colaboración con Ovalmi para que as persoas que traballan en establecementos de restauración adquirisen unhas competencias mínimas e, adicionalmente, aumentasen a visibilidade do negocio en redes elaborando un vídeo e dous post, ademais de traducir a carta.