13.1 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán financia a terapia canina que durante todo o vindeiro curso escolar...

    Nigrán financia a terapia canina que durante todo o vindeiro curso escolar ofrecerá o centro Juan María

    O programa desenvolverase semanalmente a través de 4 especialistas e os seus respectivos cans como complemento ás diferentes accións educativas que se estean a levar a cabo no centro

    O Concello de Nigrán financiará con 8.500 € a terapia canina do Centro de Educación Especial Juan María (Parada) durante todo o vindeiro curso escolar, así o confirmou hoxe mesmo o alcalde nunha visita para coñecer de preto esta metodoloxía con beneficios científicos contrastados. Deste xeito, o alumnado continuará recibindo estas sesións que estrearon este ano coa empresa especializada Yaracan tras autofinanciarse coa venda de almanaques solidarios.

    “Estamos moi agradecidos a todas as persoas que mercaron ese almanaque porque permitiron levar adiante este proxecto marabilloso que, agora, continuaremos da man do Concello de Nigrán”, sinala Alberto González desde a dirección do Centro. Así, igual que neste curso, no próximo a totalidade dos 35 alumnos seguirán a participar neste programa complementario de educación asistida un día á semana en horario lectivo e en sesións individuais ou en aula atendendo ás necesidades concretas de apoio educativo; a terapia desenvolverase con catro cans e os seus respectivos técnicos especialistas.

    “Desde a dirección do centro pedíronnos este apoio e no Concello de Nigrán non dubidanos que o queremos ofrecer como parte da nosa política de ‘Un Nigrán para todos’, estamos encantados de sumar”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.

    Desde a propia empresa especialista e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual. O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do CEE Juan María.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.