O Concello de Nigrán financiará con 8.500 € a terapia canina do Centro de Educación Especial Juan María (Parada) durante todo o vindeiro curso escolar, así o confirmou hoxe mesmo o alcalde nunha visita para coñecer de preto esta metodoloxía con beneficios científicos contrastados. Deste xeito, o alumnado continuará recibindo estas sesións que estrearon este ano coa empresa especializada Yaracan tras autofinanciarse coa venda de almanaques solidarios.
“Estamos moi agradecidos a todas as persoas que mercaron ese almanaque porque permitiron levar adiante este proxecto marabilloso que, agora, continuaremos da man do Concello de Nigrán”, sinala Alberto González desde a dirección do Centro. Así, igual que neste curso, no próximo a totalidade dos 35 alumnos seguirán a participar neste programa complementario de educación asistida un día á semana en horario lectivo e en sesións individuais ou en aula atendendo ás necesidades concretas de apoio educativo; a terapia desenvolverase con catro cans e os seus respectivos técnicos especialistas.

“Desde a dirección do centro pedíronnos este apoio e no Concello de Nigrán non dubidanos que o queremos ofrecer como parte da nosa política de ‘Un Nigrán para todos’, estamos encantados de sumar”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González.
Desde a propia empresa especialista e o CEE Juan María destacan que á activación emocional positiva que xera o contacto cos cans súmase que non xulgan, non senten mágoa e trátannos a todos por igual. O feito xa contrastado de que favorecen a redución do ritmo cardíaco, a diminución da presión arterial e a segregación de endorfinas e oxitocina, permite traballar en áreas cognitivas, psicomotrices, comunicativas e sociais como un potente recurso de apoio para os profesionais do CEE Juan María.