Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán estrea un novo parque infantil na Ramallosa

O Concello de Nigrán estrea un novo parque infantil na Praza Carlos Casares de A Ramallosa tras investir 30.000 € na total remodelación do espazo existente, que contiña desde hai décadas un único xogo modular para primeira infancia totalmente obsoleto. Situado ao carón do horto urbano comunitario creado polo Concello no ano 2022 e do parque canino inaugurado no 2019, o novo lugar de recreo responde a unha demanda da veciñanza e ao desexo do Concello de completar a remodelación desta praza totalmente carente de vida ata a materialización destes tres proxectos nos derradeiros tres anos.

O novo espazo conta agora cun novo conxunto modular de madeira que contén dous tobogáns; un columpio múltiple para uso simultáneo dun adulto e crianza, outro columpio convencional e dous balancíns con sendos resortes. A maiores, substiuíuse a superficie de area por formigón pulido e caucho homologado nas áreas de seguridade dos xogos. “As propias persoas que acuden a diario á horta ou a pasear os cans nos pediron que complementásemos este lugar cun parque infantil”, explica o alcalde, Juan González, quen aposta por potenciar este tipo de proxectos que reúnen nun mesmo lugar diferentes actividades para todo tipo de públicos. “Pasamos de ter unha plaza totalmente descoñecida na Ramallosa a unha praza chea de vida”, resume o rexedor sobre este lugar ubicado sobre o parking municipal e contigua á piscina mancomunada.

Adicionalmente, o Concello investíu 4.000 € en substituír a area do parque infantil situado na Porqueira (Panxón) ante a petición da veciñanza e plantexa grandes investimentos na Praza Rosalía de Castro de Nigrán e na Praza da Biblioteca para, precisamente, habilitar zonas de xogo para a infancia.