Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán estrea un gran mural na entrada do auditorio a cargo do artista multidisciplinar Diego Lago

Nos preto de 40 metros de parede represéntanse boa parte das artes escénicas mediante pinturas hiper-realistas dun mimo, unha bailarina de danza clásica, unha violinista, un cantante, un gaiteiro e Charles Chaplin

O Concello de Nigrán estrea un gran mural en toda a entrada ao Auditorio Municipal de Nigrán realizado polo artista multidisciplinar Diego Lago, quen traballou durante 3 intensas semanas neste proxecto encargado desde a Concellería de Cultura para imprimir singularidade e cercanía neste espazo público. Así, os preto de 40 metros de parede conforman un auténtico lenzo onde se representa boa parte das artes escénicas mediante 6 sorprendentes pinturas hiper-realistas.

Deste xeito, o público que se achegue ao Auditorio Municipal para calquera evento será benvido con este mural no que se retrata con absoluta pericia a un mimo, a unha bailarina de danza clásica, unha violinista, un cantante contemporáneo, un gaiteiro e Charles Chaplin rodando.

“Fun traballando a partir dunha imaxe pintando con pintura acrílica, pincel, spray e rodillo, afrontando o traballo moi parecido a como o fago cun lenzo”, explica Diego Lago, director da escola viguesa Arte&Danza e profesional da fotografía e da pintura, á que se dedica desde máis dunha década tras moitos anos anteriores de formación. “Xa fixera un mural para unha discoteca de Santiago e outro en Barcelona, onde estudiei danza, este sería o primeiro nun espazo público”, explica Lago, quen habitualmente pinta lenzos en gran formato, especialmente retrato realista, onde se atopa moi cómodo. “A arte figurativa non está moi valorada en España pero a min é o que me gusta facer. Agardo que este mural teña boa acollida e que Nigrán se sinta orgulloso del”, desexa o artista, quen foi loubado pola propia concelleira, Nuria Lorenzo, e o alcalde, Juan González, ao rematar o mesmo.

[su_image_carousel source=”media: 20642,20641,20644,20643″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]