14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán consigna no pleno investir para adquirir un minibús, o mosaico romano...

    Nigrán consigna no pleno investir para adquirir un minibús, o mosaico romano de Panxón ou habilitar un ximnasio no CEE Juan María

    Igualmente, aprobouse ampliar en 10 persoas o programa ‘Xantar na Casa’ para dar cabida ao dobre de xente ou aportar 50.000 € para o convenio de transporte metropolitano

    O goberno local de Nigrán aprobou en solitario no pleno ordinario de onte unha modificación de crédito por importe de 490.000 € para destinar cartos procedentes do Remanente á compra do anunciado minibús eléctrico (320.000 €), á repatriación do mosaico romano de Panxón (40.000 €) ou á creación dun ximnasio no CEE Juan María, entre outras cousas.

    “Temos a posibilidade de empregar o Remanente e o Concello de Nigrán, afortunadamente, ten unhas contas saneadas e uns aforros que non se tocaron durante moito anos e que agora podemos empregar no beneficio da veciñanza”, incidíu o alcalde, Juan González, ao respecto.

    Así, o goberno local aprobou nesta modificación consignar 40.000 € para a rehabilitación dun ximnasio no Centro de Educación Especial Juan María, onde despois de recibir por parte da Xunta 18.000 € para a adquisición de maquinaria deportiva, estaban a realizar un crowfunding para poder dispor dun espazo deportivo específico (actualmente as máquinas, xa en uso, están dispersas por todo o centro).

    Igualmente, e como xa anunciara o goberno local, consignáronse 320.000 € para a adquisición dun minibús eléctrico que permita establecer unha liña circular no municipio, 40.000 para repatriar o mosaico romano de Panxón á venda nunha galería de EEUU e, nunha moción específica, 50.967 € como achega de Nigrán ao convenio do Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia, aspecto no que o PP si votou a favor.

    Xantar na Casa

    Tal e como esixen as bases reguladores de ‘Xantar na Casa’, o goberno local presentou unha moción para poder duplicar as prazas de 10 a 20, xa que existe demanda ao respecto, sendo Nigrán o único municipio do Val Miñor onde funciona (arrancou en xaneiro). A cuestión foi aprobada coa unanimidade da corporación. Un día á semana os beneficiarios reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro plato, segundo e postre), tendo un custe simbólico para o usuario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). Así, ‘Xantar na Casa’ está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión social. En Nigrán arrancou en xaneiro de 2021 con usuarios das parroquias de Chandebrito, Panxón, Priegue, Parada e Nigrán, sendo 9 deles anciáns dependentes (dous deles matrimonios) e unha persoa con discapacitada problemas de mobilidade. Agora se completará con outras dez persoas maiores.

    SOS Sanidade Pública

    Novamente, o goberno de Nigrán aprobou en solitario no pleno unha moción presentada a través da plataforma SOS Sanidade Pública e que defendeu o seu voceiro, Jesús Araujo Nores. Ao igual que hai xa un ano, alertouse á Xunta da necesidade de reforzar a Atención Primaria e de cambiar o antes posible o actual sistema de consulta telefónica por xa 100% presencial. Segundo datos da plataforma, o deterioro do sistema público está repercutindo nun empeoramento dos datos de saúde poboacional. Por todo elo, o Concello de Nigrán apoia a manifestación do 14 de novembro ás 12:00

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.