Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán comeza unha campaña para que a hostalaría recicle o 100 % do vidro

O Concello de Nigrán porá en marcha desde a vindeira semana unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro nos establecementos hostaleiros da localidade. Con este obxectivo, un equipo de educadores ambientais realizará enquisas e entrevistas aos locais para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes. Ademais, ofrecerán información precisa sobre como reciclar correctamente e as vantaxes sociais, económicas e ambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro. Co fin de chegar ao 100 % de reciclaxe de vidro na canle Horeca (Hostalería, Restauración e Catering), entregarase, sen custo para o sector hostaleiro, cubos adaptados para facilitar o transporte dos residuos de vidro.

A hostalería xera, aproximadamente, o 50 % dos envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro e a consecución de obxectivos de reciclaxe. Por iso, avanzar na implantación de hábitos sostibles no sector supón unha mellora significativa na loita contra o cambio climático.

Beneficios ambientais da reciclaxe de envases de vidro

O vidro que se deposita nos contedores recíclase ao 100 % e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais. A reciclaxe de envases de vidro é un elemento fundamental para contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara á economía circular e loitar contra o cambio climático. Ademais, a reciclaxe de envases de vidro é unha actividade apoia o cumprimento da Axenda 2030 e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, concretamente, redunda sobre os obxectivos (11) Cidades e comunidades sostibles, (12) Produción e consumo responsables e (13) Acción polo clima.