Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán comeza a programación de agosto co ‘Parrulas Fest’

O Concello de Nigrán ofrece no esteiro de A Foz da Ramallosa desde o mércores 2 ao sábado 5 de agosto a cuarta edición do Parrulas Fest, festival gratuíto producido desde a cooperativa Charlatana e dirixido a público infantil e familiar. Nesta ocasión, a cita contará con 9 das mellores compañías de artes escénicas de todo o país (6 delas galegas) e unha arxentina de renome internacional. Clown, circo, acrobacias, teatro, malabares e outras disciplinas serán os protagonistas deste festival que, como é xa tradición, rematará coa gala solidaria de ‘Pallasos sen fronteiras’ conducida por Peter Punk, nome artístico do nigranés Isaac Rodríguez, director do Parrulas. Toda a programación pode consultarse na web do Concello de Nigrán www.nigran.es.

“O ‘Parrulas’ é xa unha parte imprescindible na programación de verán do Concello de Nigrán, cada ano reúne a centos de familias moi fieles ao festival e de visitantes que veñen a desfrutar nunha contorna marabillosa de espectáculos de altísima calidade e sempre moi divertidos”, destaca o alcalde, Juan González.

Os espectáculos arrancan o mércores co ‘Consertasso na horta’ de Brais das Hortas (19:30 h) e ‘Unha volta polo mundo’ da clown Minerflu (20:30). O xoves continúa con A Vela Circo, ‘O último que apague a luz’ (19:30); e o inocente pallaso ‘Nono’ (20:30). A maiores, o venres e o sábado ao mediodía (12:00 horas) haberá unha sesión especial destinada á primeira infancia (función musical con Martiña Soñadora o primeiro día, e de narración oral o segundo, con Caxoto). A tarde do venres prosigue co mago José Mari (Premio Nacional de Maxia Infantil 2022) e Mai Clown (19:30 e 10:30 horas). O sábado culmina o Parrulas Fest co clown arxentino de renome internacional Niño Costrini, nome artístico de Sebastián Guz, que presenta o espectáculo ‘Humanus Comicus’, unha parodia do mundo do circo; a continuación, como xa é habitual e conforme aos valores de compromiso social do festival, celebrarase a gala a favor de Pallasos sen Fronteiras (o fin é que o recadado mediante a ‘gorra solidaria’ dos artistas participantes vai directamente a esta entidade que traballa a nivel nacional e internacional a favor da infancia máis desfavorecida co obxectivo de mellorar a súa situación emocional).

“Regresamos cunha programación moi variada e coidada na que, como sempre buscamos, destacan valores como a igualdade, o coñecemento, a escoita e o humor. Ao mesmo tempo favorecemos a socialización con familias e amizades e sementamos nos cativos o amor pola cultura e a lingua galega”, destaca Isaac Rodríguez, quen ten como obxectivo “situar a Nigrán no mapa dos festivais de artes escénicas en Galicia”.