Luns, 12 Maio de 2025

Nigrán colabora coa cervexeira local ‘Trisk-Ale/Banda’ para promover o municipio en España

A firma con sede en Porto do Molle e fabricante da cervexa ‘Nigrán, Equilibrio Natural’ está a participar en feiras de degustación en todo o país con esta marca e produtos de merchandising do Concello

O Concello de Nigrán está a promover turísticamente o municipio en todo o país grazas á cervexeira local ‘Trisk-Ale/Banda’, fabricante da marca ‘Nigrán, Equilibrio natural’ e que neste ano participa en feiras de todo o país con merchandising do Concello. A firma dos irmáns Toledano, con sede no parque empresarial Porto do Molle, ten á venda nestes eventos a cervexa promocional de Nigrán (xunto a outras marcas súas como ‘Summer Papa’ ou ‘Caravan Larger’) e ao mesmo tempo ofrece guías turísticas da localidade a todo aquel interesado en coñecer máis sobre o noso municipio. Así, ao longo do mes de maio participaron en eventos en Albobendas e Las Rozas e desde mañá estarán en Torrejón de Ardoz (todos en Madrid); os vindeiros meses estarán presentes en todo o noroeste peninsular e en setembro regresarán a diferentes feiras de cervexas artesanas na comunidade de Madrid e Guadalajara.

“Estamos moi orgullosos de que dous veciños de Nigrán novos e emprendedores sexan os embaixadores do noso municipio no exterior grazas precisamente ao produto que eles mesmos fabrican localmente e que en cada etiqueta e en cada sorbo fala da nosa localidade”, subliña o alcalde, Juan González, quen incide en que “entregar guias turísticas aos pontenciais visitantes interesados é un pao máis na mesma liña”.

Así, o propio etiquetado de cada botella reza o seguinte: «Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán». Consecuentemente, e encaixando á perfección nesta descrición, trátase dunha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.

“A elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fora nin queda excluído”, inciden os seus fabricantes.

Banda

A finais do ano pasado, a firma dos irmáns Toledano deu un paso máis na súa andaina empresarial ao embarcarse en ‘Banda’, un proxecto máis ambicioso e 100 % ‘made in Nigrán’ que supuxo un investimento de 600.000 € na nova nave en Porto do Molle (rúa do Labrego, 22, Nave 5 E). O obxectivo é fabricar entre 20 e 25 tipos de cervexas ao ano e asentarse como a bebida de toda a comarca para a partir de aí expandirse ao resto da comunidade. Esta instalación, de máis de 1.100 metros cadrados, permítelles pasar de poder fabricar 50.000 litros a un máximo de 1,5 millóns anuais, centralizando aquí toda a produción (antes estaba diseminada por diferentes puntos de toda España). A nave, con horario de atención ao público de luns a venres de 11:30 a 19:00, ten zona de venda directa, de degustación e unha sala para exposicións. Ademais, regalan o bagazo de cereais resultante da fabricación a todo aquel que se achegue a buscar (é especialmente idóneo para compostaxe e alimentación de animais).