Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán celebra hoxe o seu tradicional concurso de comparsas

O Concello de Nigrán celebra hoxe, venres 24 de febreiro, desde as 21:00 horas o seu tradicional concurso de comparsas con 14 agrupacións de toda a comarca que suman 964 participantes. O evento estará presentado polo coñecido actor e monologuista Sergio Pazos, en substitución de Pepo Suevos por incompatibilidade co cambio de datas, e contará coa animación de rúa a cargo da batucada ‘Bate no Cobre’ na apertura do desfile e durante a deliberación do Xurado.

O concurso discorrerá por Rosalía de Castro (desde a rúa Telleira ata a Casa Consistorial) e o fallo e achega de premios será in-situ. A única comparsa representante de Nigrán será a xa habitual da Asociación Cultural Parada do Miñor con ‘Xeada’ e 67 participantes; dentro do Val Miñor, por Gondomar estará a Asociación Políticamente Incorrectos con ‘A Valhalla Pode Esperar’ (51 persoas), O millor de cada casa de Vincios con ‘A maxia do cine’ (56), Ldanzia con ‘Mouline Rouge’ (90), Paradela con ‘Homenaxe a Grease’ (70), A Merced de Chaín con ‘Grease’(50), Carnavales de Mañufe con ‘Pouco Corrente’ (54); e por Baiona o Centro Cultural de Baiña con ‘Rock in Baiña’ (65). Desde Vigo acudirán Os da Casa con ‘Un mundo máxico’ (100) e o Centro Cultural de Valladares con ‘Valla-Space’ (65) e desde Mos a Asociación de Veciños ‘A nosa terra de Pereiras’ con ‘Mos, pueblo paleta’ (108). Finalmente, desde o Baixo Miño acudirán ‘Luces de Tomiño’ con ‘Fantasía do Zodiaco’ (80) e Revolucion Show (43) e, como novidade tras o cambio de data, ‘Talismán na beira do Miño’ (65) da Asociación Cultural Talismán de Salceda de Caselas.

O entroido nigranés rematará a tarde do sábado 4 de Marzo co tradicional enterro do kiko de Parada que, unha vez máis, partirá desde a Casa do Concello para ser velado e sentenciado no Torreiro de Parada, onde haberá festa durante toda a tarde-noite. Esta peculiar celebración naceu da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao típico ‘Enterro da Sardiña’, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día un evento de referencia no municipio ao incluír o Concello hai 8 anos a saída da comitiva desde o Auditorio Municipal.