14.7 C
Pontevedra
Domingo, 5 de Febreiro de 2023
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán brilla en Fitur co roteiro literario de Domingo Villar

    Nigrán brilla en Fitur co roteiro literario de Domingo Villar

    O Concello de Nigrán brilla na Feria Internacional de Turismo (FITUR) grazas á estrea oficial do roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’, libro do aclamado escritor Domingo Villar, falecido o ano pasado, e cuxa trama principal discorre na parroquia de Panxón. No primeiro día en Madrid, o Concello esgotou o folleto turístico específico que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas e levada ao cine no 2015. Igualmente, as persoas interesadas poden atopalo físicamente na Oficina de Turismo de Panxón ou descargalo directamente na web www.nigran.es.

    “Domingo Villar é un referente da novela negra en todo o mundo e tivemos a sorte de que centrase ‘A praia dos Afogados’ en Nigrán; con este roteiro queremos homenaxealo e manter viva a súa memoria ao tempo que promovemos o noso municipio; foi o noso mellor embaixador e queremos recoñecelo deste xeito”, explica o alcalde, Juan González. “Sabíamos que iba a ter unha excelente acollida porque a súa obra interesa a milleiros de persoas, ademais, o roteiro resulta espectacular porque recompila algúns dos lugares máis fermosos de Nigrán e que el tan ben describe na novela”, explica o alcalde, Juan González, quen incide nos “centos de lectores entusiastas’ que este verán participaron nos roteiros guiados que o Concello realizou como homenaxe ao escritor falecido en Vigo en Maio de 2022. “Colleitaron un éxito de público incrible, con esa experiencia e atendendo ás opinións dos participantes, realizamos este folleto”, explica González.

    A andaina deseñada ten una lonxitude de 4,5 km divididos en 5 paradas e unha duración estimada de 2,5 horas cun grado de dificultade media. Seguindo o propio discorrer da novela, arranca na Praia da Madorra, onde aparece o cadáver maniatado dun mariñeiro que abre a investigación. A continuación continúa no Porto de Panxón, onde se atopa a lonxa ou a taberna ‘El Refugio del Pescador’, ademais das nasas ou embarcacións tradicional moi mencionadas no libro. A terceira parada é o Templo Votivo do Mar do arquitecto Antonio Palacios, lugar onde o inspector Leo Caldas se entrevista co párroco e cuxo interior contén mosaicos de esceas de naufraxios. Seguidamente, o camiñante debe dirixirse cara a península de Monteferro para visitar Punta Lameda, zona onde aparece afundida a barco de ‘O Rubio’ e, finalmente, conclúe no Monumento á Mariña Universal, contorna cuxas vistas sorprenden a Rafael Estévez, axudante de Caldas. Estas cinco ‘paradas’ figuran xeolocalizadas, con cadansúa frase da novela vinculada a esa zona en concreto e, a maiores, cunha breve información turística ao respecto. Deseñado como un folleto manexable, con forma de libro que se pode gardar no bolsillo, e con gran protagonismo das imaxes, inclúe un pequeno mapa e outros puntos de interese para aquelas persoas que desexen ampliar o roteiro, como poderían ser o cemiterio de Panxón, o Arco Visigótico, Monte Lourido, o Miradoiro de Monteferro… Todos eles puntos de interese mencionados dalgún xeito no libro.

    ‘A praia dos Afogados’

    Publicada no ano 2009, trátase da segunda entrega da famosa triloxía de novela negra de Domingo Villar. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata a praia da Madorra. Se non tivese as mans atadas ás costas, Xusto Castelo sería simplemente outro dos fillos do mar que atopou a súa tumba entre as augas mentres faenaba. Pero o océano nunca necesitou amarras para matar. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do falecido, o lacónico inspector Leo Caldas mergullarase no ambiente mariñeiro do pobo, tratando de esclarecer o crime entre homes e mulleres que se resisten a desvelar as súas sospeitas e que, cando se decidan a falar, apuntarán nunha dirección demasiado insólita. Un asunto inoportuno para Caldas, que atravesa días difíciles: Alba volveu a dar sinais de vida, o único irmán do seu pai está gravemente enfermo e a súa colaboración no programa de radio está a volverse insoportable.

    COLABORACIÓNS

    Antía Otero, «Barroco»

    É posible que todo viñese suxerido polo título do novo poemario de Antía Otero, «Barroco», pero ao mergullarme nas súas páxinas vivín a sensación de pasear por unha galería de arte na que cada un dos poemas era, en realidade, un cadro ou unha peza escultórica que a autora describía con detalle.

    Ponteareas e a filla pródiga: o novo espectáculo do Circo da Dereita

    Aínda que o pareza, non é un déjà vu, non. É real como a vida mesma. A dereita en Ponteareas regresa ao seu pasado, non sabemos se por convicción nostálxica ou, como parece máis evidente, por non atopar nada mellor que ofrecer. Se cadra, en realidade non hai tal regreso a un pasado que esa dereita nunca abandonou, por máis que durante os últimos anos algúns quixeran convencer a Ponteareas, pleno tras pleno e eleccións tras eleccións, de que aquel negro pasado nada tiña que ver con eles nin cun Partido Popular que, reescribindo a nosa historia política, tería nacido en 1998 coa chegada a Ponteareas dun Salvador chamado para redimir, como novo candidato popular, os imperdonabeis pecados orixinais da dereita ponteareán encarnada até ese momento por un alcalde orgulloso do seu pasado franquista.

    María Solar, «A culpa»

    A metade de camiño entre a novela negra e o thriller, María Solar vén de presentar un novo traballo para adultos no que pescuda nas interioridades da parte máis escura da alma humana a través dun trío de mulleres, protagonistas do relato.

    Antón Riveiro Coello, «Días de intemperie»

    A nova achega de Antón Riveiro Coello, «Días de imtemperie», é unha proposta que contén nove relatos de temática e transfondo diferentes, mais que teñen un elemento en común, como é a guerra no sentido máis amplo da palabra.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    78 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    41 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    6 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS