Mércores, 14 Maio de 2025

Nigrán bautiza oficialmente o ‘Alto da Pintora’

De popular a oficial. A zona de Mallón coñecida pola veciñanza como ‘Alto da Pintora’ foi ‘bautizada’ onte pola mañá polo Concello de Nigrán cunha placa que así o indica. O acto, ao que asistíu o alcalde, concelleiros e veciños, foi realizado aproveitando o concerto matinal que cada ano a banda de música realiza ante as portas da histórica panadaría para inaugurar as festas de San Pedro e agradecer deste xeito a colaboración fiel do negocio. As tres xeracións de ‘La Pintora’ formadas por ‘Maruja’ Carballo, Adolfo Villafines e Mara (avoa, fillo e neta, respectivamente) descubriron orgullosos esta placa que identifica a contorna grazas ao seu negocio, recoñecido como unha das mellores panadarías de España en diferentes certames e ‘Premio Nigrán 2014 ao Mérito Empresarial’.

O Concello de Nigrán colabora coa celebración das festas de San Pedro da Ramallosa, do 29 de xuño (festivo local) ao 1 de xullo, achegando 4.000 € a través da iniciativa ‘Música nas Parroquias’.