Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán avanza cara a inauguración do parque comercial “Nasas” en Porto do Molle

Xerará máis de 350 empregos directos e 150 indirectos e 270 durante a súa construción, supoñendo un investimento total de 55 millóns de euros coa presencia de firmas confirmadas como Leroy Merlin, Eroski, Sprinter, Joma, McDonalds...

O Concello de Nigrán avanza de cara a que o parque comercial ‘Nasas’ sexa unha realidad en Porto do Molle en decembro de 2022. Alcalde de Nigrán, Juan González, delegado de Zona Franca, David Regades, e o director xeral de López Real 21, José Antonio García, protanizaron hoxe o acto de colocación da primeira pedra na parcela de rúa das Pontes (fronte á gasoliñeira) depositando nunha furna aterrada os principais xornais do día, planos do proxecto e unhas moedas en curso legal. No acto estiveron acompañados da corporación de Nigrán, dos rexedores de Baiona e Gondomar e de representantes do tecido empresarial e social da comarca, ademais das propias marcas comerciais.

Este parque comercial e de ocio familiar será a gran novidade de 2022 en toda España, non contemplándose ata entón a apertura de ningún similar. Ocupará unha parcela de 60.000 m² desenvolvéndose máis de 30.000 m² de superficie comercial que darán cabida a 30 locais comerciais e de ocio; cun investimento de 55 millóns de euros e xerando máis de 350 empregos directos, 150 indirectos e 270 operarios en fase de obra. Actualmente está comercializado ao 90% e, entre as principais marcas que confirmaron a súa presencia, figuran, en alimentación: EROSKI VEGALSA, en bricolaxe: LEROY MERLÍN, en equipamento do fogar/decoración: JYSK, SAKITO, MAX COLCHÓN, en deporte: SPRINTER e JOMA (nas vindeiras semanas confirmarase outra de referencia), en moda: MERKAL, en muno mascotas: TIENDANIMAL, en ocio e restauración: McDONALDS, KFC, DIVERLAND, GYM, SUSIKO… Unha amplia oferta que permite calcular en 5 millóns o número de visitas no seu primeiro ano de apertura.

“Será un antes e un despois para Nigrán porque engadirá riqueza para toda a comarca. É unha oportunidade única e por iso en xaneiro iniciaremos desde o Concello un plan de formación para a nosa veciñanza para que poida vir traballar aquí”, sinalou o alcalde, Juan González, en referencia á xeración de emprego que suporá e a atracción de visitantes a toda a comarca. “Virá xente de toda Galicia e do norte de Portugal a Nigrán e iso supón xerar riqueza”, engadíu González, quen agradeceu especialmente a colaboración que López Real Inversores 21 ten amosado xa con entidades deportivas do municipio ou educativas como o CEE Juan María.

“Somos un grupo inversor amable onde o que importan son as persoas, por iso temos a nosa propia Fundación López Mariscal con proxectos de diferente tipo e, unha vez asentados en Nigrán, queremos colaborar tamén cos Servizos Sociais do Concello en todo o que poidamos”, sinalou o seu director xeral, José Antonio García, quen destacou que será “un parque moderno, competitivo, accesible e sostible” con especial atención a puntos de recarga para vehículos eléctricos, aparcadoiros de bicicletas, plazas familiares ou un punto click&collect para recoller pedidos de comercio electrónico. “Vimos a completar a oferta comercial da comarca, non a competir”, engadíu José Antonio, quen agradeceu especialmente a axilidade e dilixencia dos técnicos do Concello, subliñando ademais que López Real 21 é un grupo de capital 100% español, especializado precisamente en espazos comerciais de “proximidade” e transformación urbana.

Para David Regades, delegado do Estado na Zona Franca, “este polígono de Porto do Molle é un exemplo de sustentabilidade e medio ambiente. Agora compleméntase con esta peza fundamental, que vai ser un atractivo para a área de Vigo, para Galicia e o Norte de Portugal”. Regades precisou que “non existe en Galicia un investimento semellante nun espazo comercial, o que vai fortalecer ao comercio e a hostalería local e ten un valor social moi importante, que é a creación de emprego”.