O Concello de Nigrán ampliará o criterio das axudas ao sector hostaleiro para que inclúa tamén como beneficiarios aos autónomos empadroados no municipio pero con negocio fora da localidade e viceversa (autónomos non empadroados en Nigrán pero con negocio no municipio). Igualmente, no sector do taxi (ao que se lle aprobou unha axuda de 70 € en concepto de imposto de rodaxe) contemplaranse tamén como beneficiarios a aqueles empadroados en Nigrán e con licencia do propio Concello independentemente de onde teña o domicilio fiscal o vehículo. Esta ampliación do criterio de concesión será levada ao pleno do 22 de febreiro e, unha vez publicada no BOPP, abrirase un prazo de 10 días para as solicitudes.
“Unha vez aprobadas as bases, démonos conta de que había estes casos puntuais que non queremos que queden fora porque sería inxusto, o obxectivo é que poidan seguir abertos unha vez a situación pase para que sigan xeneranzo riqueza no pobo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia á primeira liña de axudas aberta polo Concello e cuxo prazo de solicitude expira o mércores 17 de febreiro.
O Concello de Nigrán aprobou en xaneiro destinar a súa primeira liña de axudas 120.000 € do remanente de Tesourería para establecer subvencións directas de entre 1.115 € e 1.080 € aos autónomos do sector e 750 € aos desempregados sen ningún tipo de prestación. Igualmente, para os desempregados da restauración sen dereito a ningún tipo de prestación establécense 750 €, sendo Nigrán a primeira administración en ter en conta a situación das persoas contratadas por conta allea. A día de hoxe recibíronse 31 solicitudes de empresas, 40 de autónomos e 6 de desempregados.
O goberno local de Nigrán ultima xa un novo plan de axudas directas á hostalaría do municipio ante a persistencia das restricións sanitarias que limitan directamente o traballo do sector.
“Tramitamos as primeiras bases en tempo record sendo as primeiras da comarca e sen esquecer aos desempregados sen prestación”, destaca González. Así, segundo se contempla, as persoas beneficiarias son os autónomos do sector afectados pola orde de peche derivado das limitacións decretadas desde a Consellería de Sanidade o 4 de novembro (empadroados no municipio e titulares dun negocio no mesmo) e traballadores por conta allea sen dereito a ningún outro tipo de prestación (empadroados en Nigrán e que traballaran no sector un mínimo de 15 días antes da obriga de peche ao público, independientemente de que o establecemento non estea situado no municipio).
Máis axudas
A maiores, o propio rexedor confirma que manterá para o ano 2021 a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitido por lei) e, adicionalmente, continuará co servizo de reparto gratuíto para os hostaleiros, medida que tomou con gran éxito o goberno local tras o peche decretado o 4 de novembro. A maiores, o Concello creou neste Nadal un plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade e animar as festas.