O Concello de Nigrán promoverá tamén a organización de ‘aniversarios de balcón’ para os máis anciás do municipio. Ante o éxito da iniciativa municipal lanzada a semana pasada para festexar os aniversarios dos cativos convocando á veciñanza máis próxima a través das redes sociais para cantarlle e mesmo desprazándose Protección Civil para entregar un agasallo, o Concello quere incluír tamén aos anciás de Nigrán, a poboación máis vulnerable ante o Covid-19.

“Os maiores de máis de 80 anos son aos que máis duramente ataca o virus e deben extremar todas as precaucións ao máximo, por iso consideramos que é de xustiza que estemos con eles e que sintan a nosa proximidade e a dos veciños no día do seu aniversario”, sinala o alcalde, Juan González, quen agradece a absoluta implicación e compromiso de Protección Civil nesta iniciativa municipal. O sistema será o mesmo que se está a empregar coas crianzas: os fillos destes maiores ou eles mesmos deben escribir a [email protected] indicando data do aniversario, nome, dirección e idade. O Concello pedirá a través das súas redes sociais que os veciños máis próximos lle canten ás 18:00 horas do día en cuestión sen saír da casa, ao tempo que Protección Civil acudirá a entregarlle un agasallo en nome do Concello.

Ademais desta entrega a domicilio, o Concello está a ofrecer ao público de 5 a 16 anos un pequeño show de maxia en directo a través de videochamada, opción con unha marabillosa acollida e que tamén se lle ofrecerá aos anciás. Así, o prestidixitador de Nigrán Rei Midas, a través do Concello, os sorprenderá o día do aniversario cunha chamada á hora concertada coa familia.

“Queremos que pese a estar confinados ese día sexa moi especial para eles, que non o esquezan nunca, é tamén un xeito de amosar desde o Concello o noso cariño e a nosa cercanía, empatía e preocupación por non deixar a ninguén atrás nesta crise. Para nos non é unha cuestión menor e estamos orgullosos de promover ese Nigran amigable e solidario entre toda a veciñanza”, conclúe o alcalde.