O alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, visitou o remate das obras de mellora da seguridade peonil na contorna de Ureca (PO-552). Este acondicionamente non se contemplaba no proxecto inicial da Consellería de Infraestruturas, pero grazas ás alegacións realizadas polo Concello de Nigrán posteriormente incorporouse a realización dun itinerario peonil na zona.

“Estamos moi satisfeitos de que se teñan escoitado as nosas reclamacións e non temos dúbida de que deste xeito, falando entre as dúas administracións, este proxecto é máis beneficiosos para Nigrán”, indicou o rexedor en referencia á realización dun itinerario peonil seguro desde a rotonda de Ureca ata a rúa Rans ou ao mantemento da regulación semafórica á altura de La Pintora (así como a conservación da zona de aparcamentos).
“Ata agora esta zona só dispoñía dun único itinerario peonil moi complexo a pesares de ser unha zona moi transitada, dado que desde aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas. Para o Concello resultaba imprescindible que quedase conectado mediante beiravías coa rúa Rans. Ao fin se crea un tramo seguro e accesible que une A Ramallosa co centro de Nigrán, xa que ata agora era discontinuo e inviable”, subliña González.

Paralelamente, tamén a través das alegacións, o Concello acadou que se manteñan os semáforos instalados hai máis de catro anos á altura de La Pintora, xa que como medida de seguridade demostraron funcionar moi ben, mentras que o aparcamento próximo é vital para todos os negocios alí existentes.