Venres, 2 Maio de 2025

Nigrán adía para os días 22 e 23 de xullo o ‘Solpor Monteferro’ polas malas previsións meteorolóxicas desta fin de semana

‘Isius’ e ‘Eladio e os Seres Queridos’ no primeiro día á tardiña e ‘Roma’, ‘Tinta’ e ‘Bafana Bafana’ no segundo serán os protagonistas desta quinta edición con aforo limitado a 500 persoas. As inscricións previas, xa completas, manteranse para os días 22 e 23 de xullo.

O Concello de Nigrán vén de anunciar o adiamento do Solpor Monteferro aos días 22 e 23 de xullo por mor das malas previsións meteorolóxicas para esta fin de semana. O Festival volve ao seu escenario inicial, “o mellor escenario do mundo”, o miradoiro de Monteferro tras terce celebraro o ano 2020 no espazo público de Gaifar.

‘Isius’ e ‘Eladio e os Seres Queridos’ no primeiro día á tardiña (19:00 h) e ‘Roma’, ‘Tinta’ e ‘Bafana Bafana’ no segundo, serán os protagonistas deste Solpor con aforo limitado a 500 persoas mediante inscrición previa que se mantén parta as novas datas. (máximo de dúas entradas por solicitude e indicando para qué día ou días sería, nome e apelidos dos asistentes e teléfono de contacto). O festival conta co apoio da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.

“Tras unha edición no 2020 en Gaifar por cuestións de normativa sanitaria, agora regresamos ao mellor escenario do mundo, o que motivou este festival e do que estamos tan orgullosos. Agardamos que no 2022 a normalidade sexa completa e, con elo, o aforo regrese ao anterior á pandemia”, afirma Juan González, alcalde de Nigrán, quen subliña o outro obxectivo co que naceu Solpor: “apoiar aos mellores músicos da escena local e galega ofrecéndolles o noso mellor escenario e o máis agardado polo público”. “A situación do mundo da cultura é moi complicada agora mesmo e desde o Concello somos conscientes, por iso seguimos apoiando con máis forza a súa presencia na programación de verán”, reafirma Juan González, alcalde de Nigrán.

Tal e como xurdíu no 2017, o obxectivo é gozar da música ao aire libre nunha contorna privilexiada, no cumio de Monteferro, un palco proxectado cara ao Atlántico sobre o máis grandioso dos escenarios. Neste enclave único, fronte ás Illas Estelas, entre as caricias da brisa mariña e os aromas de sal e monte, os “solpores” permitirán vivir realidades musicais aumentadas: un xeito distinto de desfrutar dun concerto, cos cinco sentidos postos na contorna e sumando ao ritmo das ondas o das mellores actuacións en vivo.

Solpor Monteferro é unha experiencia musical para gozar sen présa e cos cinco sentidos. Un ano máis, a cervexeira Alhambra colabora con este evento, que xa forma parte de ‘Momentos Alhambra’ ao desenvolverse nun espazo máxico que convida a saborear as súas cervexas ao compás das mellores propostas musicais.