Sábado, 3 Maio de 2025

Nigrán actualizará as principais estacións de bombeo de augas residuais

Con esta actualización acadarase un 23 % de aforro enerxético

O Concello de Nigrán renovará as súas principais estacións de bombeo de augas residuais co obxectivo de acadar un aforro enerxético medio do 23% en cada unha segundo os derradeiros estudios da concesionaria Aqualia. Esta acción supón un investimento de154.063 € grazas a un convenio coa Deputación ao abeiro das convocatorias do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), cuestión que foi aprobada no pleno ordinario deste luns 20 de decembro. Concretamente, o IDAE aportará 123.251 €, a Deputación 10.000 € e o Concello 20.812 €.

Desde a Deputación iniciouse esta semana a tramitación e xestión do proxecto, que deberá estar executado antes do 31 de xullo de 2023 e que na práctica supón a substitución das 22 bombas sumerxibles das estacións de Ramallosa, Avenida Portugal, pistas de tenis de Gaifar, Madorra, Panxón, Pescadores, Canas e Camiño Golada. Ademais da instalación de equipos cun deseño innovador e con motores eficientes que proporcionan aforros evidentes no consumo de enerxía grazas ao seu alto rendemento, os novos equipos maximizarán a súa vida útil (os actuais contan con vinte anos de antigüidade) e redundarán nuns menores custos de operación e mantemento. O certo é que os novos xeitos de consumo da sociedade  non son alleos ás augas residuais, onde cada vez se poden atopar máis toalliñas hixiénicas, máscaras, compresas… cuestión pola que cada vez é máis preciso contar con equipos altamente eficientes para xestionar sen problemas estes sólidos e materiais fibrosos.

“En definitiva, trátase dunha importante acción de cara a reducir as emisións de CO2 a atmósfera nun 40% de aquí a 2030, tal e como se comprometeu o Concello a través do Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’, o que supón que se deixarán de emitir 23.271 toneladas á atmósfera”, explica o alcalde, Juan González.