Luns, 24 Marzo de 2025

Nigrán acolle, o martes, unha xornada técnica sobre o cultivo de froitos do bosque

Expertos explicarán as características destas plantacións, moi rendibles económicamentes, idóneas para o solo de Galicia, e que non precisan de gran superficie

Técnicos agrícolas da Asociación Forestal Galega (ASEFOGA) ofrecerán este martes de 19:00 h a 21:00 horas no local social de Chandebrito (rúa do Turreiro, 4) unha xornada técnica sobre o cultivo de froitos do bosque en Galicia a tenor, precisamente, da plantación piloto realizada en terreos da Comunidade de Montes Chandebrito grazas a un convenio coa Deputación de Pontevedra no que colabora o Concello de Nigrán.

A xornada, aberta a todo o público interesado neste cultivo, servirá de guía e incentivo para a producción de arándanos, framboesas, grosellas e amoras entre veciños e demais comunidades de montes. Este cultivo, que non precisa de gran superficie e resulta moi rendible económicamente, resulta idóneo para pequenos terreos infrautilizados en Galicia, contribuíndo así non só a xerar emprego, se non a evitar os lumes (producidos en gran medida polo abandono do medio rural) e a recuperar terras.

“O PH ácido do solo de Galicia, a humidade e o clima atemperado fai que esta terra resulte especialmente idónea para cultivar os froitos do bosque, estes contan cada vez con maior demanda por parte do consumidor e teñen un rendemento económico moi superior ao resto de froita, xa que se están a vender en fresco a unha media de 7/15 euros kilográmo, sendo o arándano o mellor pagado”, explica Diego Barral, técnico de ASEFOGA que traballa neste proxecto.

Os primeiros beneficios económicos resultan ao cabo de tres anos (estímase que a partires do séptimo ano a producción chega ao seu máximo cun rendemento de 11.000/20.000 kg/ha). Así, segundo os últimos datos, en España a facturación de ‘berries’ aumentou un 300 % nos últimos cinco anos debido a súa crecente popularidade entre os consumidores polas súas cualidades dietéticas, gustativas e terapéuticas (consúmense fundamentalmente como producto fresco pero tamén en marmeladas, deshidratados ou conxelados).

A Deputación destinou 36.000 euros a promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento dos froitos do bosque (amoras, arandos ou framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación das parcelas agrícolas e forestais en desuso.