O Concello de Nigrán abre o prazo de inscrición para participar no novo programa de voluntariado ambiental incluído no proxecto do GALP ‘Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón’. Ademais, enmarcado tamén no ámbito divulgativo deste proxecto, haberá diferentes roteiros ao longo do mes, todos con inscrición previa e limite de aforo por protocolo sanitario.
As xornadas de voluntariado ambiental os días 10, 17 e 24 de outubro consistirán na eliminación de plantas exóticas invasoras, mellora das condicións dunha planta ameazada, recollida de lixo e realización de actividades divulgativas e de sensibilización sobre o litoral. Estas actividades matinais de voluntariado (de 11 a 14:00 horas) estarán guiadas por un educador ambiental e a asociación ecoloxista Amigos da Terra e complementaranse con roteiros ambientais durante a tarde (16:00 horas) só para este voluntariado, coa finalidade de agradecer o seu traballo e aumentar a súa sensibilización na conservación do espazo. Os interesados deben ser maiores de idade e inscribirse a través do mail [email protected] aportando os seus datos e indicando no asunto ‘Voluntariado Ambiental’. A inscrición está aberta a un ou varios días, debendo indicalo o interesado. Toda a actividade cumprirá coa Ley de Voluntariado, polo que tamén incluirá o xantar.
Igualmente, o Concello realizará tres roteiros ambientais ao marxe das xornadas de voluntairado. O primeira será o 11 de outubro por Monteferro, o segundo o 25 de outubro polo esteiro de A Foz do Miñor e o último o 31 de outubro polo espazo dunar de Praia América. Finalmente, realizaranse sendos roteiros temáticos, un sobre a cultura mariñeira de Nigrán o 18 de outubro e outro sobre o patrimonio etnográfico do mar o 1 de novembro. Todos serán ás 11:30 horas e, por cuestións de protocolo sanitario e o consecuente límite de aforo, é preciso a inscrición previa no mail [email protected] indicando os datos de todos os participantes e o roteiro en concreto no que se desexa participar.
Obras
O proxecto ‘Recuperando o litoral. Accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón’ obtivo a maior puntuación do GALP, que o subvenciona con 45.451,23€ e inclúe un apartado de intervencións. Así, construirase un observatorio de aves, e instalarase unha varanda de seguridade na pasarela existente na duna de Praia América-Lourido e unha pasarela flexible de madeira para o acceso á praia en catro puntos da mesma.